Escoitar

Iníciase un plan de actuación conxunta para a limpeza de Montero Ríos

O Goberno municipal celebrou unha reunión extraordinaria de coordinación na que se presentaron as medidas necesarias de cooperación entre Parques e Xardíns, Seguridade e Limpeza para a actuación que se vai desenvolver en Montero Ríos que pretende eliminar as consecuencias do denominado "botellón" e manter limpos os espacios públicos.

mércores, 18 xuñ 2003
O equipo de goberno ten previsto manter unha xuntanza diaria que responde á vontade do alcalde, Ventura Pérez Mariño, de conformar un Goberno de unidade e cohesión no que non se vexa mermada a iniciativa dos concelleiros para atender as demandas dos cidadáns.

Na primeira reunión trataron tamén as actuacións urxentes de cara o verán e iniciaron os debates presupostarios do reparto de concellerías.

Actividade dos concelleiros

A concelleira de Benestar Social, Olaia Fernández, visitou a unidade asistencial de drogodependencias Cedro para presentarse e coñecer de preto a situación e necesidades dos traballadores e usuarios. A vindeira semana ten previsto percorrer as Unidades Básicas de Atención Social que ofrecen información e asesoramento sobre recursos e dereitos sociais ademais de fomentar a cooperación social.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xosé Carlos Arias, realizará o xoves 19 de xuño un percorrido polo Casco Vello co obxectivo de comprobar as actuacións realizadas en inmobles e espacios públicos e ver as necesidades para realizar futuras obras de mellora e acondicionamento.