Escoitar

O Pleno da Muller homenaxea ás pensadoras e escritoras feministas para celebrar o 8 de marzo

A concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, presidiu o Pleno específico do Consello Municipal da Muller celebrado de xeito virtual este luns, Día Internacional da Mulleres, no que seis entidades das que integran o Consello renderon homenaxe a pensadoras e escritoras feministas coa lectura de parte dos seus textos e obras.

luns, 8 mar 2021
Pleno específico do Consello da Muller 2021
Pleno específico do Consello da Muller 2021

O alcalde iniciou a sesión plenaria co saúdo a tódalas participantes e manifestando o apoio do Concello a tódalas accións que decida emprender o Consello Municipal da Muller no "rumbo, na marcha" da "grande e extraordinaria revolución do feminismo, da igualdade real" e na loita pola defensa dos dereitos de tódalas mulleres. Queremos, dixo, que "a igualdade ocupe todo o espazo que debe ter na sociedade", un cambio que aparece como "unha grande onda de vocación colectiva".

No Pleno específico do Consello da Muller, abriu a quenda de intervencións Purificación Bernárdez Álvarez, vicepresidenta do Consello da Muller e secretaria da muller de CCOO co texto "O proceso de desintoxicación: cóntame un conto" de Chis Oliveira e Amada Traba. Deseguido, Luisa Ocampo Pereira, de Mulheres nacionalistas galegas, compartiu un texto que Amparo Mañés Barbé publicou no seu perfil de Facebook "e que foi censurado" segundo explicou. Desde Viúvas demócratas, Luz Iglesias Herrero, elixiu un fragmento de "Mulleres de palabra" de Paula Gómez Rosado. Rosa Chantada Abollo, de Mulleres e Palabras achegouse á obra "Linguas diversas, loitas comúns" de Mayte Greco Sanabria e Raquel Lucas Espinosa, que traballan o proceso de socialización das persoas xordas. Mar Iglesias, da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos leu un fragmento da obra "Un cambio de civilización" de María Milagros Rivera e Bertila Fernández, de Foanpas, leu un texto da obra "Amor de tango" de María Xosé Queizán.

A concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, pechou a sesión plenaria salientando o traballo do Consello Municipal da Muller ao longo de todo o ano xa que "temos un importante labor hoxe e tódolos días" e repasou algunhas das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo neste 2021, que se estenden ata o día 18.

 

Descargar todas as imaxes