Escoitar

O Concello inicia a contratación da supervisión dos mercadiños por 70.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación por procedemento aberto do servizo de supervisión do funcionamento da venda ambulante nos mercados de Bouzas e Coia. Amais, autorizou a realización de obras no edificio da antiga Escola de Comercio.

xoves, 28 xan 2021

O alcalde explicou en rolda de prensa que o goberno municipal dedicará 70.000 euros nos próximos dous anos ao control dos mercadiños para que vendedores e clientes poidan acudir con tranquilidade a Bouzas e Coia.

Estes mercados contarán cun mínimo de dous traballadores e un supervisor para controlar o seu funcionamento, as autorizacións e a instalación dos postos así como o acceso e saída de vehículos do recinto e a aplicación da normativa sanitaria do Covid.

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á autorización á Universidade de Vigo para que realice obras no edificio da Escola de Comercio, situada na rúa Torrecedeira. Trátase da substitución do actual acabado de cobertura no edificio, que é de titularidade municipal e que foi cedido de xeito gratuíto á institución educativa.