Escoitar

O alcalde reclama á Xunta usos docentes e de investigación que complementen á Cidade do Mar

Abel Caballero informou este martes do ditame técnico municipal sobre o proxecto de urbanización autonómico dos usos complementarios aos científico-tecnolóxicos na ETEA. Ademais de non reducir nun 30% os aparcamentos, o primeiro edil reclamou actividades de investigación e docencia.

martes, 19 xan 2021

A Xerencia de Urbanismo celebrada este martes tomou coñecemento do informe municipal relativo ao proxecto de urbanización presentado pola Xunta de Galicia para o ámbito PS-6 da ETEA, o espazo reservado para usos complementarios aos científico-tecnolóxicos das parcelas ocupadas pola Universidade de Vigo e o CSIC.

Abel Caballero explicou que o informe advirte da necesidade de cumprir coas obrigas establecidas para os estacionamentos, amosando o seu desacordo coa redución do 30% das prazas. “A zona necesita aparcamento e resulta inexplicable que a Xunta de Galicia, para aforrar espazo, limite aparcamentos”, o que tórnase “inadmisible” para o Concello.

En calquera caso, e antes de pronunciarse sobre o PS-6, os técnicos municipais sinalan que é preciso aprobar e desenvolver o proxecto sectorial PS-1, que inclúe os viais, espazos libres e as infraestruturas: “Non se pode aprobar unha parte interior sen aprobar antes a forma de acceder a esa parte interior”, argumentou o alcalde.

Ademais, o subministro eléctrico, o abastecemento, o saneamento e o resto de conexións de todo o plan sectorial da ETEA depende da aprobación do PS-1, subliñou o alcalde, posto que, sen este executado e en servizo, “non pode haber conexión eléctrica, saneamento, abastecemento ou fibra óptica”, un investimento que a propia Xunta cifra en 2,5 millóns de euros, advertiu Caballero.

“Empezan a casa polo tellado”, manifestou o rexedor vigués, quen recordou que a ETEA vai ser “a Cidade do Mar, un ámbito especialmente de investigación e docencia”, polo que insistiu en que proxectar alí unha residencia da terceira idade e un espazo deportivo é unha “ocorrencia” e “unha moi mala decisión”. Caballero recordou que ofreceu á Xunta de Galicia dúas parcelas gratis no centro de Teis para edificar unha residencia que considera necesaria, máis nun entorno urbano; e tamén asegurou que “hai sitios mellores” para unha nova área deportiva, para a que o Concello cedería tamén o solo.