O alcalde garante a atención municipal a todas as familias en risco de desafiuzamento
Abel Caballero garantiu que o Concello de Vigo está parando todos os desafiuzamentos que están en marcha no municipio e alertou de que a Xunta de Galicia non atende á demanda de vivenda social na cidade. “É unha calamidade, un drama”, sinalou.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este luns á Xunta de Galicia que asuma as súas competencias en materia de vivenda e facilite solucións a unha vintena de familias que están pendentes de desafiuzamentos na cidade.
“O Concello está parando todos os desafiuzamentos, pero a competencia e a obrigación de vivendas alternativas a estas persoas corresponde á Xunta de Galicia, que recibe recursos para vivendas de persoas desprotexidas”, explicou durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.
Segundo indicou o rexedor, o problemas de falta de vivenda é especialmente grave en Vigo, posto que un de cada tres galegos demandantes de vivenda social está en Vigo. Así, indicou que 4.200 familias en lista de espera e outras 20 en Vigo pendentes de desafiuzamento.
“A Xunta é unha calamidade en vivenda de protección, baixou a metade a actuación de vivenda en Galicia, non cumpre o Plan de Vivenda Estatal, recibindo diñeiro de España que nin sequera é capaz de executar”, apuntou.
Caballero acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de non entregar en Vigo “nin unha vivenda social con iniciativa súa” e indicou que as actuais foron feitas polo Goberno de Emilio Pérez Touriño. “Nin unha iniciada por Feijóo e entregada por Feijóo, é un drama, a desatención total á vivenda social”, engadiu.
O alcalde informou de que no caso dunha nai con catro menores pendente de desafiuzamento, a Xunta respondeu “non dispón actualmente de vivendas no Concello de Vigo nin existe outra axuda por este motivo”. Tamén aclarou que a promoción de vivenda que está a facer, e que aínda non entregou, é con solo cedido polo Concello.