A unanimidade do Pleno reclama á Xunta que reforme o Conservatorio Superior de Música
Tódolos grupos municipais instan á Xunta de Galicia a acometer, de forma inmediata, a reforma integral do Conservatorio Superior de Música de Vigo, cuxo alumnado e profesorado leva tempo denunciando o mal estado das instalacións.
O texto aprobado reclama ao goberno autonómico unha intervención que solucione os "graves problemas de inundacións, calefacción, falta de material, problemas de insonorización..." para que sexan unhas instalacións "dignas” nas que alumnado e profesorado “poidan dar e recibir clases nunhas condicións axeitadas".
O concelleiro de Educación, Gorka Gómez, censurou o "abandono" da educación na cidade de Vigo por parte da Xunta de Galicia sendo o exemplo do Conservatorio Superior de Música un máis da "nefasta xestión do goberno autonómico en materia educativa" que é a súa competencia.
Maior apoio autonómico para o MARCO
Na última sesión plenaria desde 2020 quedou aprobada tamén a moción do grupo municipal socialista na que se insta á Xunta de Galicia a incrementar o apoio orzamentario do Museo de Arte Contemporánea de Vigo ata os 500.000 euros anuais.
O edil de Cultura, Abel Losada, expuxo que o goberno autonómico foi reducindo de xeito progresivo a achega ao museo ata reducila aos 100.000 euros anuais, unha cantidade "insuficiente e claramente discriminatoria fronte a outros museos galegos, especialmente o Centro Galego de Arte Contemporánea".
A proposta saíu adiante cos votos favorables de Marea de Vigo e o concelleiro non adscrito, mentres o PP votou en contra.