O Concello destina 60.000 euros á recuperación do palco da música de Santa Mariña de Cabral
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á concesión directa de subvención á Diocese Tui Vigo para a restauración desa infraestrutura que se atopa deteriorada. Ademais, aprobou axudas para o atletismo e a lista de admisión e exclusión da Oferta de Emprego Público para a categoría de condutor bombeiro.
O alcalde deu conta en rolda de prensa dos asuntos aprobados pola Xunta de Goberno Local, entre eles, a subvención de 60.000 euros á Diocese Tui Vigo mediante a firma de convenio específico para financiar a recuperación das instalacións do palco da música de Santa Mariña de Cabral, “unha zona histórica da cidade fronte á igrexa de Santa Mariña” e cuxo palco está moi deteriorado, polo paso do tempo e tamén por algúns danos provocados polo vandalismo. O Concello quere contribuír á súa mellora e así á “conservación do patrimonio histórico cultural de Vigo”.
O Convenio marco de colaboración entre o Concello e a Diocese inclúe tamén a restauración da carroza do Cristo da Vitoria, un proxecto valorado en 33.000 euros e, amais, o goberno municipal “rematará” a obra de Antonio Palacios e Gómez Román na capela da Guía coa colocación dunha escultura do Sagrado Corazón.
Axudas ao atletismo
A Xunta de Goberno resolveu a concesión de subvención a favor do Club Atletismo Feminino Celta para o desenvolvemento xeral da actividade da entidade considerada de elite na temporada deportiva 2019/2020 cun importe de 20.000 euros e, co mesmo fin, concede 20.000 euros ao Real Club Celta de Atletismo.
Abel Caballero detallou que o Concello destinou neste 2020 20.000 euros ás pistas de atletismo de Balaídos distribuídos na coroa da gaiola de lanzamentos (10.000 euros), o círculo interior de lanzamento (5.000€) e para escumas de colchonetas (5.000€); outros 30.000 euros foron destinados ao mantemento desas pistas, 50.000 euros para o programa RunRunVigo e 10.000 para o programa de croses escolares.
Oferta Emprego Público
Quedou aprobada tamén a lista provisional de admitidos e excluídos, designación de membros do órgano de sección e lugar e data do proceso selectivo de condutor-bombeiro da OEP dos anos 2017, 2018 e 2019 (1ª fase) na que se convocan 4 prazas por quenda libre. 70 aspirantes foron admitidos mentres 56 quedaron excluídos e teñen 10 días hábiles para corrixir erros. Caballero explicou que das 24 prazas de bombeiros, o goberno municipal inicia a convocatoria por esta por ser a que ten o protocolo aprobado pola Xunta de Galicia, sen o cal non é posible seguir adiante co proceso. A Oferta de Emprego Público de 2017, 2018 e 2019 sacará 86 prazas: 62 para policía e 24 para bombeiros.