Escoitar

O goberno municipal aproba provisionalmente a ordenación do Barrio do Cura o 8 de outubro

O alcalde avanza que convocará unha sesión extraordinaria do Consello da Xerencia de Urbanismo a próxima semana para a aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para a reordenación do ámbito do Barrio do Cura, un desenvolvemento do que "estamos orgullosísimos", apuntou.

venres, 2 out 2020
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa

O vindeiro xoves, 8 de outubro, a Xerencia de Urbanismo aprobará de forma provisional a reordenación do Barrio do Cura, unha vez realizada a tramitación administrativa previa, que continuará coa aprobación posterior no Pleno Municipal, o envío á Xunta de Galicia do expediente completo para a emisión de informe vinculante e preceptivo e, finalmente, a aprobación definitiva.

A aprobación provisional supón a resolución das 14 alegacións presentadas á reordenación do ámbito, toda vez que se acometeu o derribo de forma correcta co mantemento da fachada do antigo asilo. Abel Caballero sinalou que levamos "50 anos esperando por iso na cidade e estamos orgullosísimos deste desenvolvemento" para Vigo.

O rexedor expuxo que o interese público desta actuación radica en "facer fronte a todo o deterioro, abandono e degradación" ao que foi sometido o Barrio do Cura polos gobernos da cidade e explicou que permitirá rematar partes inacabadas do tecido urbano, resolver a articulación e conexión do Casco Vello con Torrecedeira, mellorar o acceso ás zonas do Paseo de Alfonso e Pi y Margall, a conexión peonil co Paseo de Alfonso con Santa Marta, Poboadores e Alfonso XII; un novo ascensor na zona do Berbés para facilitar a mobilidade vertical, mellorar a mobilidade rodada coa ampliación do viario de conexión entre Paseo de Alfonso XII, Pi y Margall e Torrecedeira, coa apertura desta última rúa que quedou inacabada; dotar ao Barrio do Cura de zonas verdes, espazos públicos e equipamentos, prazas de aparcamentos, usos terciarios e un 30% de vivenda protexida.

 

Descargar todas as imaxes