Escoitar

O Concello e a orquestra Vigo 430 programan un “Ciclo de outono” con catro actuacións

Abel Caballero eloxiou este venres á orquestra, que entre outubro e decembro ofrecerá dous concertos da formación sinfónica, un da orquestra barroca e outro a cargo dos ensembles de música de cámara. Os eventos, con aforo reducido e medidas de seguridade.

venres, 4 set 2020
O alcalde, xunto a Abel Losada (i.) e Javier Escobar (d.)
O alcalde, xunto a Abel Losada (i.) e Javier Escobar (d.)

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o director artístico da Orquestra Vigo 430, Javier Escobar, presentaron este venres en rolda de prensa o “Ciclo de outono” da formación, acompañados polo edil de Cultura, Abel Losada. O programa está composto por catro concertos, a celebrarse entre outubro e decembro, dous no auditorio Martín Códax e os dous restantes, no teatro Afundación.

“A historia da orquestra Vigo 430 é a historia dun éxito, un éxito importantístimo, dunha gran calidade nun proxecto ben feito e ben baseado, co que nós cooperamos e co que pretendemos seguir cooperando”, asegurou Abel Caballero durante a súa intervención. “Quero volver mostrar o noso apoio absoluto á orquestra Vigo 430”, engadiu, denunciando que a Xunta “desatende” á sinfónica de Vigo.

O ciclo constará de dous concertos da formación sinfónica, un da orquestra barroca e outro a cargo dos ensembles de música de cámara. A figura de Beethoven ten especial protagonismo nesta programación, na recta final do 250 aniversario do seu nacemento. Javier Escobar puxo en valor ás protagonistas destacadas do programa, as súas dúas novas directoras asociadas: Isabel Rubio da formación sinfónica (con dous concertos) e Lina Tur Bonet da barroca. Ademais contarase con solistas da talla do oboísta barroco Rodrigo Gutiérrez, as violinistas Ioana Cristina Goicea e Lir Vaginsky, ademais dos guitarristas flamencos Jesús Pimentel (Cuchús) e Jorge Castañeda.

As actuacións contarán con medidas de seguridade e cumprirán os protocolos sanitarios establecidos na loita contra o coronavirus. O aforo será dun terzo das capacidades habituais de ambos recintos e está previsto amais que os concertos poidan ser vistos posteriormente en diferido ou mesmo en directo, a través de streaming.

Programa

Setembro, 27. Bach: o concerto para violín e oboe

+ Concerto para violín en La menor + Suite No1

Orquestra Barroca Vigo 430

Rodrigo Gutiérrez (oboe)

Lina Tur Bonet (directora y solista)

Auditorio Martín Códax

 

Outubro, 11. O concerto para violín de Mendelssohn

+ Sinfonía No4 de Beethoven

Orquestra Sinfónica Vigo 430

Ioana Cristina Goicea (violín) - Isabel Rubio (directora)

Teatro Afundación Vigo

 

Novembro, 17. A música de cámara de Beethoven

Octeto para ventos op.103 + cuarteto de corda op.132

Lir Vaginsky (violín) - Ensemble Vigo 430

Auditorio Martín Códax

 

Decembro, 15. Almudaina - Concerto para dúas guitarras flamencas de Cuchús Pimentel

+ Suites orquestais de Ennio Morricone e John Williams

Orquestra Sinfónica Vigo 430.

Cuchús Pimentel & Jorge Castañeda (solistas) - Isabel Rubio (directora).

Teatro Afundacion Vigo

Descargar todas as imaxes