Caballero fai un chamamento á cidadanía para frear o Covid-19: “Máxima prudencia e precaución”
O alcalde de Vigo lanzou este xoves unha mensaxe á cidadanía para frear a segunda onda de Covid-19 e pediu “máxima prudencia e precaución” para conter a expansión do virus entre a poboación.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este xoves un chamamento á poboación para que tomen as máximas precaucións posibles ante a nova onda de contaxios da pandemia do Covid-19. “En Vigo imos relativamente ben, pero en canto haia un só casa non estou satisfeito, envío un abrazo ao resto das cidades de Galicia e de España”, sinalou o alcalde.
“Non podemos baixar a garda, moi atentos, moita prudencia, precaución, distancia social, máscaras, hixiene de mans, distancias en terrazas, rúas, reunións familiares...”, explicou o rexedor antes de relatar que el mesmo cando ten encontros coa súa familia mantén as distancias. “Os maiores, moita atención; e os máis xoves, que cooperen para non contaxiarse, porque pode non ser moi prexudicial para eles, pero poder ser un problema serio para os seus pais ou avós. Imos a tratar de facer un esforzo máximo para controlar todo o posible o virus”, engadiu.