Escoitar

A IV edición do concurso internacional de piano “Cidade de Vigo” será online no mes de outubro

O Concello de Vigo coopera unha vez máis coa posta en marcha do concurso internacional de piano “Cidade de Vigo” que nesta ocasión e debido á pandemia será unha edición online que se desenvolverá entre o 15 e o 19 de outubro. Este ano serán un centenar os músicos participantes que foron seleccionados entre máis de 300 aspirantes de 50 países do mundo.

martes, 25 ago 2020

O concelleiro de Cultura, Abel Losada, participou esta mañá na presentación da IV edición do concurso internacional de piano “Cidade de Vigo” acto no que felicitou á Asociación de música clásica de Galicia polo traballo que están a realizar nun ano no que todo é máis complexo por culpa da crise sanitaria. O edil avanzou a vontade municipal de seguir apoiando a cultura con este tipo de certames nun momento tan difícil como o que estamos a atravesar.

Pablo Galdo, responsable deste evento, agradeceu o apoio do goberno municipal nun concurso que “lle dará moita visibilidade á cidade”. Nesta ocasión e obrigados pola pandemia, o concurso celebrarase entre o 15 e o 19 de outubro. Será un formato online que chegará a máis de 150 países do mundo e o que non variou foi o número de aspirantes, case 300 de 50 países do mundo -, dos que foron seleccionados 100 para participar. Galdo xustificou o cambio de modalidade no feito de que case o 75% dos músicos non podían viaxar dadas as restricións de mobilidade existentes na actualidade.

A retransmisión será vía streaming utilizando como plataformas as redes sociais e o xurado estará composto polos seguintes profesionais: Martha Argerich (Argentina), Nelson Freire (Brasil), Tamás Vásáry (Hungría), Pablo Galdo (España) Sergio Tiempo (Venezuela).

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes