Escoitar

A Corporación reclama a Feijóo que apoie de forma explícita o aeroporto de Vigo

Na moción socialista, aprobada este mércores no Pleno cos votos a favor de tódolos grupos salvo a abstención dos populares, ínstase ao presidente da Xunta a que recoñeza o papel de Peinador no sistema aeroportuario galego e a súa contribución á economía da área metropolitana.

mércores, 1 xul 2020

Segundo propón o texto, defendido polo voceiro socialista Carlos López Font, a terminal viguesa é "viable e imprescindible para o desenvolvemento económico, industrial e turístico da área metropolitana de Vigo", o que debe ser un motivo para que o presidente do Goberno galego "defenda a súa permanencia, aposte claramente por esta infraestrutura como fixeron os gobernos socialistas do Estado e para que o apoie economicamente". Amais expón que a Xunta de Galicia non apoiou ao aeroporto de Vigo nos 11 anos de goberno de Núñez Feijóo que, coas axudas ao de Santiago, "pretendía centralizar o sistema aeroportuario de Galicia en Santiago".

Integración de Zona Franca no Padroado do Ifevi
No Pleno deste mércores saíu adiante, coa abstención do resto de grupos, a moción do grupo de goberno de Vigo na que se insta ao presidente da Xunta a que os seus representantes no Padroado do Ifevi voten favorablemente á integración do Consorcio da Zona Franca de Vigo no mesmo.

A concelleira María José Caride defendeu o texto que recolle que é "absolutamente necesario e urxente" adoptar un acordo favorable pola inxección económica que supoñerá para o Recinto Feiral de Vigo a entrada de Zona Franca no seu Padroado, unha solicitude que fixo o Delegado do ente en abril de 2019 e á que a Xunta de Galicia aínda non deu resposta.