Escoitar

Caballero: "Os compromisos que o Goberno de España asumiu con Vigo cúmprense todos"

O alcalde de Vigo defendeu as partidas económicas presentadas este luns polo Ministerio de Facenda e sinalou que recollen todos os compromisos previstos para a cidade. AVE por Cerdedo, Biblioteca do Estado, Avenida de Madrid, Muralla do Castro ou Estación de Urzáiz foron algún dos investimentos do Goberno de España destacados polo rexedor.

martes, 15 xan 2019
1547556062LRG_DSC06811.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, abordou este luns en rolda de prensa o documento dos Presupostos Xerais do Estado e as partidas económicas que afectan a cidade. No seu balance, o rexedor afirmou que "os compromisos que o Goberno de España asumiu con Vigo cúmprense todos".

Desde o AVE por Cerdedo ata a Biblioteca do Estado, pasando pola Avenida de Madrid ou a Muralla do Castro, Caballero considera que o Goberno de Pedro Sánchez cumprirá con todos os proxectos previstos para a cidade. "Eu respondo, vou a seguir sendo alcalde e os compromisos van cumprirse", sinalou.

Abel Caballero explicou que no documento presentado polo Ministerio de Facenda recóllese unha partida de 1 millón de euros para o AVE Vigo-Ourense por Cerdedo e avanzou que ADIF aprobará a vindeira semana a elaboración do estudio hidroxeolóxico.

"O ministro Ábalos adquiriu un compromiso aquí comigo e os Presupostos do Estado o respectan escrupulosamente, quedou detido na declaración de impacto ambiental hai cinco anos por parte do Goberno do PP, cinco anos nun caixón", explicou antes de reiterar que o proxecto queda "desbloqueado e en marcha".

En segundo término o alcalde fixo mención á Estación do AVE e aos case 11 millóns de euros -4,2 millóns este ano- que aporta ADIF para a infraestrutura. "Compromiso cumprido, como acordamos, por tanto, tres de Alta Velocidades, desbloqueada", indicou.

Biblioteca do Estado e Avenida de Madrid
En referencia á Biblioteca do Estado, Abel Caballero asegurou que neste momento o Concello está cambiando a cualificación do solo para que os terreos sexan dotacionais de cultura, un trámite que durará nove meses, e mentres o Goberno elaborará o proxecto. "Antes dun mes estarán aquí os técnicos de Cultura para verificar a zona e confirmar a Biblioteca que intentou paralizar Feijóo", engadiu o rexedor.

No tocante á humanización da Avenida de Madrid, Caballero indicou que de forma inmediata o proxecto será sometido a exposición pública no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que haberá un novo convenio con maior orzamento.

Muralla do Castro
Abel Caballero sinalou que este mes firmará tamén o acordo para a mellora da Muralla do Castro e sobre o compromiso de ampliar a Autovía Rías Baixas (A52) desde O Porriño ata Vigo por medio dun túnel, apuntou que se inicia coa declaración de impacto ambiental. "Require estudo hidroxeolóxico, tres anos, os fondos que hai son suficientes, o resto é demagoxia", afirmou.
Descargar todas as imaxes