Escoitar

O Concello asigna vivendas municipais a dúas familias de especial vulnerabilidade

O Concello ten ocupadas as catro vivendas municipais que ten destinadas a servizos sociais. Así o avanzou esta mañá o rexedor logo de dar conta da asignación de dúas delas a outros tantos núcleos familiares que forman parte do programa infancia e Familia.

mércores, 19 dec 2018
Na Xerencia de Urbanismo de mañá xoves darase conta do realoxo temporal e urxente en vivendas municipais de dúas familias de especial vulnerabilidade que forman parte do programa de Infancia e Familia. Nestes momentos, explicou Caballero, están ocupadas as catro vivendas das que dispón o Concello para servizos sociais.

O alcalde deu conta tamén da aprobación na Xunta de Goberno das bases e da convocatoria para participar no programa municipal de inmersión lingüística Vigo en inglés 2019, dirixido ao alumnado de 3º da ESO. O importe da iniciativa é de 1,7 millóns para ofrecer 750 bolsas para pasar tres semanas en Reino Unido ou Irlanda. Segundo explicou Caballero, á previsión é que o prazo de solicitude comece a segunda quincena de xaneiro. Ademais, nestes momentos estase a resolver a convocatoria de cen bolsas para o alumnado da Escola oficial de Idiomas o que eleva a inversión a 2 millóns de euros.

Humanizacións
Na Xunta de Goberno deuse luz verde á contratación das obras da rúa Aragón, fase V, desde Travesía de Vigo á rúa Padre Celso. Os traballos, que se prolongarán nove meses, teñen un orzamento de 737.000 euros para actuar sobre case 400 m de lonxitude, renovando pavimentación, redes de alumeado, abastecemento e saneamento, e executando unha nova rede semafórica. Con esta fase, quedaría completada a humanización de toda a rúa Aragón, na que investimos 6,8 millóns.

Outra das contratacións aprobadas polo goberno local foi a humanización da terceira fase da Avenida Gregorio Espino, cun orzamento de 1.029.000 euros e un prazo de execución de 9 meses. A obra comprende actuacións entre as rúas Urzáiz e Jenaro de la Fuente, e tamén entre San Roque e as rúas Aguía e Reiseñor. Segundo explicou Caballero, ata o de agora o Concello investiu nesta rúa 2,3 millóns.