Escoitar

O goberno de Vigo adica 746.000 euros á contratación de 106 profesionais

Segundo explicou Abel Caballero este luns, esta contratación corresponde á segunda quenda deste ano do programa "Vigo Emprega", que presenta un orzamento total de 1,5 millóns. O Concello prima o emprego de mulleres, menores de 30 e maiores de 45 anos, e parados de longa duración.

luns, 22 out 2018
1540211830221018Alcalde.JPG
O goberno de Vigo validou a convocatoria de selección de candidatos, informou este luns o alcalde, para cubrir os 3 postos de capataces de construción, 41 oficiais, 35 peóns de construción e 22 de xardinería e forestal, dous auxiliares administrativos, un delineante, un auxiliar topógrafo e outro técnico en prevención de riscos laborais.

Detallou Caballero que o Concello prima aos colectivos "máis vulnerables" na contratación dos peóns, reservando un mínimo dun 3% do total a persoas con discapacidade, o 30% para menores de 30 anos e a mesma porcentaxe para mulleres. O 19% dos postos serán ocupados por maiores de 45 anos e o 18%, por parados de longa duración.

Abel Caballero puxo en valor un plan de emprego que, ademais de xerar traballo, terá un retorno na cidade en forma de obras. Entre estas, a construción de beirarrúas no rural, a rehabilitación de lavadoiros municipais, a limpeza de maleza e cunetas, melloras nos parques de Castrelos e do Castro, a supresión de barreiras arquitectónicas, instalacións de sistemas de rego automático e numerosas actuacións nos colexios da cidade.

Nesta segunda quenda do programa, o Concello contratará a máis dun centenar de profesionais cun orzamento de case 750.000 euros, dentro do proxecto "Vigo Vertical", estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. Vigo Emprega, engadida a primeira parte, presenta unha contía de millón e medio de euros para a contratación de máis de 200 persoas.

Asociacionismo
O Concello de Vigo aprobou o outorgamento de subvencións para o fomento do asociacionismo e a participación cidadá, concedendo un total de 300.000 euros a 39 asociacións que resultaron beneficiarias.

Explicou o alcalde que esta liña de axudas serve de apoio ao funcionamento das entidades, ademais de obras e adquisición de equipamento e inmobles. Engádense as "achegas finalistas" coas que o Concello colabora para a celebración de eventos puntuais ou cuestións singulares.

A modo de exemplo, Caballero citou o convenio aprobado polo goberno de Vigo coa AVCD de Cabral, por importe superior aos 54.000 euros, para fomentar as actividades musicais da entidade e financiar os gastos de acondicionamento e insonorización da aula de música do local. Da asociación pende a banda de música de Cabral, anotou o alcalde, que conta cunha escola que ensaia no local da Asociación.
Descargar todas as imaxes