Escoitar

O goberno de Vigo adxudica a construción do novo pavillón de Romil

Cun orzamento próximo aos 2,2 millóns, o alcalde subliñou que o novo espazo polideportivo transformará un entorno "deteriorado" e poderá ser empregado polo CEIP Doutor Fleming. Abel Caballero subliñou que, baixo o seu mandato, Vigo conta con nove instalacións deportivas novas.

xoves, 30 ago 2018
1535633565romil.JPG
O goberno de Vigo vén de adxudicar a construción dun novo pavillón na cidade, desta volta na rúa Romil 77, xunto ao colexio Doutor Fleming. Informouno en rolda de prensa o alcalde de Vigo, quen detallou que o polideportivo ocupará unha superficie de 2.600 metros cadrados e poderá ser utilizado polo colexio, o maior de Vigo.

Abel Caballero recordou que, no seu mandato, se construíu o pabellón de Navia, o de Candeán, transformouse o pavillón de Monte da Mina, vaise facer o de Romil, estamos "a punto" de iniciar o de Quirós por case tres millóns de euros, "queremos facer a pavillón de Matamá que a Xunta non nos deixa", a nova pista vermella de Travesas e a reforma dos dous pavillóns baixo a bancada de Río, no estadio de Balaídos. "Nove pavillóns deportivos novos en Vigo", salientou o rexedor.

Coutadas
Ademais, o goberno de Vigo aprobou o expediente de contratación da humanización da rúa Coutadas, na súa segunda fase -a primeira xa foi completada-, que comprende entre a rúa Santader e o paso elevado sobre a autoestrada e presenta un importe de 408.000 euros.

A rúa Coutadas dá servizo a dous centros educativos e á piscina municipal de Teis, anotou Caballero, quen engadiu que o Concello renovará todo o pavimento, con beirarrúas de granito e instalación de novas redes de saneamento e abastecemento, puntos de luz, etcétera.

Aqualia
Por último, a Xunta de Goberno Local tomou coñecemento dos investimentos executados pola concesionaria do servizo da auga correspondentes ao 2016. Caballero informou que, con cargo ao acordo coa empresa, esta abonou pagos para adquisición de terreos para a depuradora e acometeu obras en Camelias, Avenida Atlántida, Numancia e Toxal, Marqués de Valterra e Areeiro, Toledo, Tomás Alonso, rúa Burgos e no entorno da Praza da Consolación.

"Gustaríame saber", afirmou Caballero, "a que adicaban o diñeiro de Aqualia antes de que eu chegara a este Concello", pois "aquí non se facía nada", e agora se gasta "onde hai que gastalo, visible, para que todos os cidadáns o vexan".

Descargar todas as imaxes