Escoitar

Caballero aposta por "un emprego de calidade" para os mozos con discapacidade na presentación da iniciativa "Non te rendas nunca" da Fundación ONCE

O roadshow, que itinerará por 78 localidades, pódese visitar hoxe luns na Praza do Rei.

luns, 6 ago 2018
1533559413ONCE_03.JPG
A Fundación ONCE, co apoio do Concello, puxo esta mañá en marcha o roadshow "Non te rendas nunca" que, co lema "Esta oportunidade non pasa todos os días", viaxará por 15 comunidades autónomas e 78 localidades españolas durante tres meses para axudar á inclusión laboral dos mozos con discapacidade. Hoxe pódese visitar na Praza do Rei de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

Segundo explicou a responsable de Inserta Empleo, "a taxa de desemprego dos mozos con discapacidade é dun 63% e un 40% aínda non tiveron a súa oportunidade laboral". En concreto en Galicia hai na actualidade 7.700 persoas desempregadas con discapacidade.

O alcalde, que participou na presentación xunto coa concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, agradeceu á Fundación ONCE esta iniciativa e asegurou que tamén desde o concello "estamos na procura dun mundo de dereitos; queremos e cremos que todos temos os mesmos dereitos e é preciso que a sociedade se mobilice para o seu recoñecemento", afirmou.

O rexedor aplaude esta nova actuación "que servirá para recoñecer a situación social na que están as persoas con discapacidade, que necesitan recoñecemento e apoio social". Caballero destacou a necesidade de que as cidades do século XXI sexan accesibles e "estean deseñadas con outra mentalidade e outra conciencia". Ademais, indicou, "a procura da igualdade ten que vir a través do emprego de calidade". "Temos que promover un cambio social e potenciar o emprego, que as persoas poden desenvolver cun 100 por 100 de eficacia. Pero hai que ir máis aló e abrir o espazo produtivo a persoas diferentes con capacidades diferentes", engadiu.

Por último, Caballero asegurou aos responsables da Fundación ONCE que "sempre ides atopar nesta cidade e en min como alcalde de Vigo e presidente da Femp o noso apoio en todas as actividades que signifiquen maior igualdade, dereitos e recoñecemento da discapacidade".
Descargar todas as imaxes