Escoitar

A Corporación de Vigo pide á Xunta 5,3 millóns para apoiar a cultura e as festas da cidade

O Pleno Municipal aprobou dúas mocións do grupo socialista nas que se insta ao goberno autonómico a poñer en marcha convenios anuais equivalentes aos firmados co Concello de Santiago. Ademais, saíu adiante outra proposta reclamando á Consellería de Sanidade a garantir a asistencia pediátrica no Centro de Saúde de Coruxo.

mércores, 27 xuñ 2018
O Pleno da Corporación do mes de xuño aprobou tres mocións dos grupo municipal socialista nas que se insta á Xunta de Galicia a aprobar dous convenios co Concello de Vigo para apoiar a cultura e as festas da cidade, así como a solucionar o problema derivado da falta de pediatra no Centro de Saúde de Coruxo.

O concelleiro socialista Carlos López Font defendeu a proposta do goberno local para que a Xunta destine a Vigo 2,3 millón de euros como "cidade máis importante de Galicia", mesma cantidade que recibe Santiago pola súa condición de capitalidade. "Non queremos que lle quiten diñeiro a ninguén, pero Vigo é a xoia da Coroa de Galicia e todo o que sexa apoiar a cidade repercute no conxunto de Galicia", sinalou Font.

O PP votou en contra e por medio de Teresa Egerique argumentou que a moción era "un exemplo de localismo ridículo", mentres que Marea de Vigo abstívose tras asegurar que a proposta apunta "a unha rivalidade entre cidades e a un localismo cateto".

No caso da moción sobre as festas da cidade, a socialista Ana Laura Iglesias explicou que Vigo está sendo "discriminado" pola Xunta e contrapuxo os investimentos na Cidade da Cutlura ou no CGAC fronte ao Marco de Vigo. "Proba desta discriminación é o festival O Son do Camiño que se realizará en Santiago sen incluír a Vigo", sinalou antes de instar a unha subvención de 3 millóns para as festas da cidade.

Rubén Pérez, voceiro da Marea de Vigo, mostrou a postura favorable do seu grupo á proposta e sinalou que o festival debería percorrer toda Galicia. Pola súa banda, o concelleiro "popular" Diego Gago lamentou que outras cidades galegas teñan "mellores programas de festas" que Vigo e engadiu que O Son do Camiño tamén chegará á urbe olívica.

Por último, saíu adiante unha moción do PSOE instando á Consellería de Sanidade a garantir a asistencia pediátrica no propio Centro de Saúde de Coruxo e que, no caso de que o Sergas sexa incapaz de garantir este dereito, solicita a dimisión do conselleiro. Foi aprobada cos votos de socialistas e Marea, mentres que o PP pronunciouse en contra.