Escoitar

Vigo leva a arte urbana a outras 15 medianeiras e seis colexios da cidade

O goberno de Vigo adxudicou provisionalmente as obras. O goberno de Abel Caballero conta cun orzamento de medio millón de euros para as medianeiras, actividades culturais e obradoiros, explicou o alcalde, quen avanzou que, de cara ao outono, o goberno local prevé actuar sobre outros 17 centros educativos.

luns, 21 mai 2018
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación das obras da cuarta edición do programa de medianeiras, que presenta un orzamento de case 300.000 euros. Abel Caballero recordou que esta iniciativa presenta unha partida próxima ao medio millón de euros e inclúe a transformación de medianeiras en arte urbana, actuacións cos colexios, actividades culturais paralelas e obradoiros.

O Concello actuará este verán sobre quince novas medianeiras da cidade: rúa Pino 149, Centro Comercial Coia 4, Aragón 198, Tomás Paredes 60 e 84, Gerardo Campos 8, Avda Atlántida 52, Avda Galicia 109, IES Valladares, Ramón María Aller, Urzáiz 62, Hotel Cidade de Vigo, túnel Avda Beiramar, pavillón de Coia, Cataluña 21 e Avda Castrelos 80.

Ademais, no tocante a centros educativos, o goberno vigués intervén en maio e xuño no IES Politécnico de Vigo, na Escola municipal de Música, no colexio Losada, no Atalaia, no Fleming e en Salesianos. Abel Caballero avanzou que existe unha lista de 17 colexios máis sobre os que o Concello prevé actuar como tarde en outubro.

Esta iniciativa cultural do goberno de Vigo inclúe a celebración de obradoiros en distintos puntos da cidade. Baixo o nome de UrbanizArte, o Concello organiza accións na rúa Coruña, en Martínez Garrido, na Praza da Princesa, en Navia e na Alameda de Bouzas.

CreaVigo
O programa "CreaVigo" forma parte desta iniciativa de arte urbana e nace como un proxecto de creación artística en directo que mistura artes plásticas, ilustración música e danza en espazos públicos. Prevista para os días 24, 25 e 26 de maio, a previsión metereolóxica adversa obriga ao Concello a adialo para os próximos días 5, 6 e 7 de xuño.

As oito actividades previstas pasan polo tanto a celebrarse do 5 ao 7 de xuño, mantendo a orde anunciada así coma os horarios e emprazamentos previstos.