Escoitar

O Concello adica 70.200 euros ao observatorio socioeconómico de Vigo, unha ferramenta de desenvolvemento local

O goberno local ven de aprobar un investimento de 70.200 euros para a posta en marcha e o mantemento do observatorio socioeconómico de Vigo, unha ferramenta con información actualizada sobre o territorio, a demografía, a cultura ou a mobilidade da cidade. O obxectivo é que sirva de apoio para empresas ou emprendedores.

mércores, 7 mar 2018
O Concello deu luz verde á contratación da creación e do mantemento do observatorio socioeconómico de Vigo cun orzamento de licitación de 70.200 euros durante catro anos. Trátase, explicou o rexedor en rolda de prensa, dunha plataforma electrónica dirixida a empresas e emprendedores con información actualizada relacionada coa economía. O observatorio reunirá os datos estatísticos públicos dispoñibles relativos ao territorio, medio ambiente, demografía, desenvolvemento urbano, cohesión social, cultura, innovación, mobilidade, economía, actividade empresarial ou turismo, con fin de impulsar actuacións de desenvolvemento local.

O goberno local tamén aprobou a contratación por procedemento negociado con publicidade para a exposición dun belén monumental para as próximas festas de Nadal no edificio municipal da Casa das Artes.

Biblioteca municipal Neira Vilas
A Biblioteca municipal Neira Vilas está nominada como finalista nos premios Gala do Libro 2018, na categoría Iniciativa Cultural ou fomento da lectura. Así o anunciou esta mañá o rexedor quen explicou que estes galardóns recoñecen a exelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, que se celebrarán o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras ganadoras.