Escoitar

O programa municipal do Día Internacional das Mulleres inclúe filmes, concertos, carreiras e contacontos

Os actos organizados polo Concello de Vigo para conmemorar o Día Internacional das Mulleres comezan hoxe martes e rematarán o próximo día 27 de marzo. Tal e como explicou a concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, o programa incluirá, entre outros, a proxección de varios filmes, contacontos, actividades deportivas e un concerto de Wöyza, o sábado 10, no salón de actos do Marco.

martes, 6 mar 2018
1520345242uxia.JPG
A concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, presentou a programación municipal do Día Internacional das Mulleres que inclúe actos desde hoxe ata o próximo 27 de marzo. Esta mesma tarde, no Auditorio Municipal, proxectarase o filme La fuente de las mujeres, de Radu Mihäileneau e mañá mércores, se celebrará o Pleno específico do Consello da Muller, ás 10,00 h.

Acompañada por representantes do Consello da Muller, a concelleira proseguiu avanzando que día 8, día da FolgaFeminista8M, a manifestación sairá ás 20,00 h desde a Praza Portugal. O xoves día 9 entregarase o VI Premio de Igualdade Ernestina Otero no transcurso dunha cea, mentres que o venres 10 será a quenda dos Contacontos de Igualdade para cativas/vos na Praza 8 de marzo.

O programa segue o sábado 10 coa actuación musical de Wöyza no Salón de actos do MARCO (ás 20,30 h) e continúa o domingo coa carreira Vigo móvese pola igualdade, con saída na Porta do Sol ás 11,30 h. Seguiremos con lecturas o luns 12, cun Recital Aberto de Poesía de Xénero, ás 19,00 h na Casa Galega da Cultura.

O cinema volverá o martes 13 coa proxección de tres curtas na Casa Galega da Cultura, ás 19,00 h e no mesmo sitio e á mesma hora, o xoves 17 poderemos ver o filme Doli, Doli, Doli... coas conserveiras, de Uqui Permui.

O sábado 24 está prevista unha visita guiada ao Roteiro Feminino Sons de Mulleres, dirixida por María Casal e a programación pechará o martes 26, coa proxección de Persépolis, de Marjane Satrapi e Vicent Paronnaud, no Auditorio Municipal, ás 20,00 h.

A concelleira de Igualdade estivo acompañada na rolda de prensa por Ángeles Arias, vicepresidenta do Consello da Muller e representante de UXT; Luisa Ocampo, presidenta de Mulleres Nacionalistas; Yolanda Díaz, representante de CCOO; Charo Otero, presidenta da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos tratos e Carmen Rodal, presidenta de Viúvas Demócratas.
Descargar todas as imaxes