Escoitar

Caballero anticípalle por carta a Rajoy que Vigo solicitará a declaración de "Zona afectada gravemente por una emerxencia"

O Goberno municipal xa está a traballar na elaboración dunha memoria detallada que acompañará a solicitude de "Zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil" que o Concello trasladará ao Consello de Ministros. Así llo avanzou Caballero a Mariano Rajoy, nunha carta na que tamén lle insta a pedir na Unión Europea axudas do Fondo de Solidariedade.

venres, 27 out 2017
O alcalde envioulle unha carta ao presidente do Goberno anticipándolle que o Concello vai solicitar ao Consello de Ministros que Vigo sexa declarada "Zona afectada gravemente por unha emerxencia de Protección Civil". De feito, o goberno local xa está a traballar na elaboración da memoria detallada que acompañará a solicitude de todas as medidas contempladas ao amparo da Ley 17/2015, asi como calquera outra que se considere necesaria entre as recollidas na disposición adicional cuarta desta norma. Tamén lle trasladou, dixo o rexedor, a decisión do goberno local de optar ás medidas urxentes de axuda, recollidas no Decreto 102/2017 da Xunta, para a reparación dos danos causados polos incendios. Tal e como explicou en rolda de prensa, tamén suxire que España presente á Comisión Europea a solicitude de axuda económica do Fondo de Solidariedade da UE. Neste senso, trasládalle que sería convinte a constitución dunha comisión -composta por representantes das administracións implicadas- para a coordinación e o seguimento das medidas adoptadas polo Estado.

Caballero advírtelle ao xefe do Executivo de que o cambio climático "chegou pra quedarse" polo que é imprescindible tomar decisións sobre novas políticas forestal. De feito, Vigo xa está a elaborar un documento que contemple un cinto verde con especies frondosas que actúen como protección de Vigo para evitar situacións como as que se viviron o 15 e o 16 de outubro. Na carta, Caballero reitéralle a Mariano Rajoy o seu agradecemento por visitar Vigo no día dos incendios, ao tempo que tamén lle recoñeceu esta atención aos secretarios xerais do PSOE e de Podemos, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, respectivamente.

Finalmente, avanzoulle que Vigo conta xa cunha oficina de municipal de atención e apoio aos afectados polos lumes, espazo no que se asesorará aos particulares sobre os distintos modelos establecidos para a solicitude de axudas públicas ante as administracións correspondentes. A tal efecto, habilitáronse as seguintes formas de comunicación: o teléfono 986616388 e o correo atenciondanosevoluntarios@vigo.org

Prevención
Por outra banda, o alcalde dixo que o Concello está en estado de atención respecto dos lumes, reiterando que os Bombeiros levan varios días tomando medidas en zonas sensibles a eventuais lumes. Nos últimos días a Policía Local sumouse a esas tarefas de control cunha brigada adicada a percorrer os montes o termo municipal para controlar que non se realicen prácticas de risco.