Escoitar

O alcalde garante o apoio do Concello ao Certame de Relatos Vigo Histórico

Así o asegurou este venres durante o acto de entrega de premios da cuarta edición deste concurso, onde Caballero comprometou o respaldo do Concello para próximas edicións. O alcalde valorou que o Certame recupera "desde a literatura as nosas propias vivendas e a nosa propia imaxinación" como cidade.

venres, 29 set 2017
1506689104relato.jpg
Na súa intervención no acto desta mañá, Abel Caballero eloxiou un Certame que contribúe e recupera "desde a literatura as nosas propias vivencias e a nosa imaxinación" como cidade. O alcalde, tamén novelista, asegurou que escribir é unha "tarefa heroica pero apaixoante", polo que felicitou a todos os participantes, "porque gañar é marabilloso pero escribir é aínda máis marabilloso".

O relato "1972", de María Rodríguez, resultou gañador da cuarta edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, organizado pola Editorial Elvira co patrocinio de Tressis e do Concello de Vigo. O segundo premio foi para "O vento e as formigas", de Marcos López Concepción. Unha das características dos premiados e accésits deste ano é que todos eles son de autores de Vigo e comarca.

Este venres celebróuse unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do xurado, coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero; o editor da editorial, Javier Romero; e Isabel Alonso, en representación de Tressis; e o xornalista Jacobo Buceta, tamén membro do xurado.

A principal novidade da edición deste ano foi o feito de que Vigo tiña que ter un papel protagonista no relato e isto, posiblemente, veuse reflectido na procedencia dos mesmos, xa que aumentaron de forma significativa os textos enviados desde a cidade viguesa, mentres que descenderon os procedentes doutros países. Aínda así, recibíronse escritos procedentes de Santo Domingo, Chile, Cuba, Arxentina, Perú, México, Ecuador, Venezuela, Colombia ou Holanda, ademais de relatos procedentes de case calquera punto de Galicia e de España.

A organización destaca o importante crecemento do número de relatos escritos en galego, consolidando unha dinámica que xa se estaba a apreciar ano a ano. Así, dos 166 admitidos, 50 foron escritos en galego. En canto a xénero, cada vez hai máis igualdade ao estar case ao cincuenta por cento e curiosamente no caso dos escritos en galego hai máis autoras que autores.

A segunda novidade desta cuarta edición foi a creación dun segundo premio, que recibe 500 euros polos mil euros do primeiro premio e os 200 euros para cada un dos catro accésits.

O xurado desta edición contou cunha cara nova e moi destacada, xa que se incorporou ao mesmo a escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Xunto a ela conformaron o xurado o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela, o xornalista Jacobo Buceta, a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero e o profesor e escritor Julio Alonso.
Descargar todas as imaxes