Escoitar

O alcalde valora a evolución da nova liña H3 e confía en que siga crecendo a ocupación

O Concello comezou o pasado 2 de maio coa nova liña do autobús urbano H3, que parte de Teis e finaliza no Hospital Álvaro Cunqueiro. O novo traxecto pasou de 18 a 56 viaxeiros nos seus primeiros seis días, avanzou Caballero, o que revela que instaurar a liña foi unha "decisión acertada" e confiou en que a ocupación seguirá crecendo.

mércores, 10 mai 2017
Abel Caballero valorou este martes o bo funcionamento da nova liña de autobús urbano H3, que une Teis e o Hospital Álvaro Cunqueiro, despois de ter incrementado a súa ocupación de 18 a 56 viaxeiros nos seus primeiros seis días.

O Concello, que gasta sobre 60.000 euros nesta nova liña, comezou a operar a H3 o pasado 2 de maio, día no que 18 persoas subiron ao autobús. O incremento de viaxeiros foi sostido nos cinco días hábiles seguintes, ata chegar aos 56 usuarios do pasado 9 de maio.

Estes datos revelan, segundo manifestou o alcalde de Vigo, que a decisión de poñer a nova liña H3, desde Teis ao novo hospital, foi "acertada". "Cremos que vai seguir aumentando a ocupación", estimou Caballero, quen engadiu que as rutas existentes ao Álvaro Cunqueiro en autobús urbano están a dar un "moi bo servizo".