Escoitar

O Concello incrementa ata 722 os aparcamentos de mobilidade reducida o que supón un aumento de máis dun 300%

O concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, deu conta este martes do incremento en dez anos do número destas prazas de aparcamento, dispoñendo na actualidade dunha por cada 20 non reservadas, unha ratio superior á habitual noutras cidades e que supón multiplicar por 3,5 as que había en 2006. Ademais, hai 444 semáforos adaptados para persoas cegas.

martes, 9 mai 2017
1494332420font.jpg
Segundo expuxo o edil de Tráfico e Seguridade, Vigo conta nestes momentos con 722 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, o que supón incrementar en máis dun 300% as existentes no ano 2006, que eran 204, uns datos que valora como "importantes, xa que cubre as necesidades da cidadanía nesta materia".

Carlos López Font explicou que a ratio común nas cidades españolas é unha praza reservada para mobilidade reducida por cada 40 prazas de aparcamento habilitadas, polo que Vigo está "moi por enriba da media porque temos máis prazas: 1 cada 20 de aparcamento non reservado e 32 en zona XER" e destacou a rúa Torrecedeira cunha praza reservada por cada 15 dispostas.

O Concello ten realizado un incremento homoxéneo ao longo dos últimos anos co fin de facer de Vigo unha "cidade accesible e segura", aínda que destaca o ano 2013 no que se habilitaron 154 prazas, coincidindo coas obras de humanización.

No tocante á vixilancia do aparcamento nestas prazas, o concelleiro explicou que o goberno municipal realiza as mesmas actuacións ca no resto, sancionando os incumprimentos da norma. Así, no ano 2015 impuxéronse 555 sancións, 951 no ano 2016 e no 442 no que vai de 2017 e fixo un chamamento á cidadanía para que respecten estes espazos e o dereito das persoas con mobilidade reducida a empregalos. Ademais, o Concello realiza controis do uso fraudulento das tarxetas de aparcamento de mobilidade reducida, habendo neste ano 2017 un total de 30 casos detectados.

Semáforos para invidentes
López Font informou da evolución do proceso de adaptación dos semáforos para as persoas cegas, que se acordou coa ONCE. Nestes momentos hai 444 semáforos da rede da cidade que dispoñen dun sistema de aviso acústico que activa a persoa a través de bluetooth ou mediante un mando a distancia. Isto significa que está cuberto o 65% da rede semafórica nun proxecto que cubrirá o total de 689 semáforos.
Descargar todas as imaxes