Escoitar

O alcalde convida a toda a cidade a gozar da Reconquista como "a gran festa" de Vigo

O programa da Festa, que se desenvolve mañá sábado e o domingo, inclúe representacións históricas da expulsión do exército francés por parte da cidadanía viguesa, música e animación na rúa. O Concello pon en marcha un dispositivo especial de reforzo do transporte urbano.

venres, 31 mar 2017
1490966148reconquista3.JPG
O alcalde salientou a "notabilidade singular" acadada pola Festa da Reconquista no seu 208 aniversario, apuntando que ten vocación de constituírse "nunha das grandes festas de Galicia e queremos que de España" porque é unha "gran festa de recuperación da memoria, de escenificación e participación cidadá", polo tanto, é unha celebración, engadiu, con contido, simboloxía, espírito e ánimo.

Na presentación do programa Caballero, que estivo acompañado por un soldado francés e unha viguesa ataviada coa vestimenta da época, explicou que o financiamento dos actos corre a cargo do Concello a través do convenio que vén de firmar coa Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello que son os organizadores. Aproveitou tamén para convidar a toda a cidade a gozar da celebración como a "grande romaría urbana" de Vigo.

Os actos comezan mañá sábado 1 de abril coa apertura do mercado ás 10:00 horas da mañá; ás 11:00 desenvólvese o serán infantil na praza da Pedra e ás 18:00 haberá regueifas no Berbés onde se desenvolverá a partir desa hora a inauguración da festa.

Tamén o sábado, dende as 17:00 horas da tarde no espazo infantil habilitado no Berbés, haberá contos do Bardo Abelardo e, dende as 18:30, música da man de Cé Orquestra Pantasma. O chamado Torreiro de Mahou, na rúa Chao, acolle actuacións musicais toda a tarde con Lembranzas da Ría, Chorouvia, Virapé e Monteira e Cuncheiros.

O domingo día 2 o mercado permanecerá aberto dende as 10:00 horas da mañá ata as 22:00 horas da noite. Ás 11:00 comeza a demostración de oficios artesanais na Praza do Berbés, ás 11:30 animación infantil, ás 12:00, demostración de esgrima antiga no Berbés e ás 12:30 concerto da Banda da ETRAD na Praza da Constitución. Pola tarde, ás 18:00, realizarase a representación da Reconquista da cidade de Vigo, con "interpretacións dignas de grandes actores profesionais", en opinión do alcalde.

Durante toda a xornada haberá actuacións no Casco Vello: ás 11:00 as Pandeireteiras de Candeán, ás 12:00 a Escola de Baile Casco Vello, ás 15:00, a Escola Gaitas Casco Vello, ás 17:30, as Pandereteiras da Travesía e dende as 20:00, Foliada Popular. Mentres, no Torreiro de Mahou (rúa Chao) ás 12:00 Laretas, ás 13:00 Os Porcoteixos e ás 20:30 a Murga de Traspés.

O Concello reforza o transporte urbano
Con motivo da festa e a maior afluencia de pasaxeiros, o goberno municipal ofrecerá servizos especiais de transporte urbano. Así, o sábado e o domingo estará en funcionamento o autobús turístico con saídas desde Cánovas del Castillo ás 12:00 e ás 16:30. Durante os dous días de celebración, a liña C1 Circular Centro amplía o seu servizo cunha frecuencia máxima de 10 minutos e incrementa as últimas saídas ás 22:30 e ás 22:45.

Ademais, haberá un servizo especial para conectar Navia-Policarpo Sanz-Travesía de Vigo, ida e volta, co seguinte percorrido cunha frecuencia de trinta minutos: Teixugueiras, Porriño, Baiona, Redondela, Castelao, Camelia, Paseo de Alfonso, Puerta del Sol, Policarpo Sanz, Colón, Urzáiz, Travesía de Vigo, Rotonda Aragón en Travesía 193. As saídas comezan en Navia ás 10:12 horas e a última será ás 21:30 e as saídas de Travesía de Vigo serán desde 10:45 ata as 22:16 horas.

Estará en marcha un dispositivo especial de seguimento do servizo para reforzar as liñas que o precisen en función da afluencia de pasaxeiros.
Descargar todas as imaxes