Escoitar

Vigo garda tres minutos de silencio en memoria da muller asasinada na cidade esta fin de semana

Na Praza do Rei, Vigo amosou hoxe luns a súa "condena total e absoluta", en verbas de Abel Caballero, polo "terrible asasinato" esta fin de semana en Vigo dunha moza de 25 anos na Avenida de Madrid, presuntamente a mans da súa exparella. O alcalde decretou tres días de loito e reiterou o compromiso vigués contra as violencias machistas.

luns, 19 dec 2016
1482155618minutosilencio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, decretou tres días de loito e bandeiras a media hasta en condena polo asasinato en Vigo dunha muller de 25 anos, presuntamente a mans da súa exparella. Hoxe luns, ás doce da mañá, na Praza do Rei gardáronse tamén tres minutos de silencio.

En declaracións aos medios, Abel Caballero recordou que a vítima -natural de Boqueixón- se licenciou na Universidade de Vigo e traballaba tamén en Vigo, mais amosou a "condena total e absoluta a calquera tipo de violencia e en calquera lugar no que suceda". O alcalde vigués trasladou as condolencias e o cariño da cidade á familia, amigos e compañeiros de traballo da moza asasinada e reiterou a "vocación" de Vigo "de loita contra as violencias machistas nas súas diferentes formas".

Caballero fixo tamén extensivo o sentir vigués polas mulleres asasinadas esta fin de semana en Santiago e en Tarragona e avogou polo "compromiso firme de toda a sociedade" contra as violencias machistas e por "poñer desde as administracións os medios para erradicala".
Descargar todas as imaxes