Escoitar

O Concello investirá 2,3 millóns nas humanizacións de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro

O alcalde deu conta da adxudicación provisional das humanizacións de Rosalía de Castro (entre Canceleiro e Serafín Avendaño) e da primeira fase de Álvaro Cunqueiro. O importe de ambas actuacións ascende a 2,3 millóns de euros.

luns, 12 dec 2016
A Xunta de Goberno Local deu luz verde á clasificación de ofertas para contratar as obras de Rosalía de Castro (entre Canceleiro e Serafín Avendaño) e Álvaro Cunqueiro (fase I). Tal e como indicou o rexedor, o importe da primeira humanización é de 880.000 euros -en dúas anualidades-, mentres que o da segunda ascende ao 1,5 millóns. O alcalde tamén deu conta do nomeamento da dirección facultativa na execución das obras de renovación do céspede artificial no campo de fútbol do Comesaña. Cun importe de 168.000 euros, a obra realízase en base a un convenio coa Deputación de Pontevedra.

Asi mesmo, o goberno local aprobou subvencións para distintas asociacións e colectivos da cidade, entre os que se atopa a Asociación de Amigos da Ruta Marítima O Cabaleiro das Cunchas que recibirá 10.000 euros para desenvolver a súa tradicional ruta marítima. A Asociación de Axuda ao enfermo mental (DOA) recibirá 7.290 euros para financiar o seu programa de obradoiros, unha achega á que hai que sumar a cesión do local da rúa Romil e outras axudas por valor de 18.000 euros.

A Asociación Galega San Francisco recibe 7.000 euros para sufragar xornadas de convivencia entre persoas con discapacidade intelectual e as familias, mentres que o Concello achégalle ao Instituto de Estudios Vigueses 33.000 euros, ademais de cederlles un local no edificio de Cánovas do Castillo.