Escoitar

Abel Caballero, elixido primeiro presidente da Área Metropolitana de Vigo

A primeira sesión do ente supramunicipal proclamou presidente ao alcalde de Vigo por maioría absoluta cos votos favorables de 28 concelleiros e concelleiras metropolitanos, o voto encontra de AER e coa ausencia dos representantes do Partido Popular que abandonaron a sala. No seu discurso, Caballero destacou a importancia do acto e a vontade da Área de "mellorar a vida da súa cidadanía".

xoves, 1 dec 2016
1480610617AM2.jpg
A Casa das Artes de Vigo acolleu este xoves a sesión constitutiva da Área Metropolitana de Vigo, a primeira de Galicia, na que se elixiu ao alcalde de Vigo como presidente por maioría absoluta, cos votos a favor de 28 asemblearios, un voto en contra de Agrupación de Electores de Redondela e coa ausencia dos asemblearios populares que abandonaron a sesión antes da votación.

Abel Caballero tomou a palabra para presentar a súa candidatura cualificando de "grave" e "acción indigna" a ruptura "dun procedemento democrático" por parte dos concelleiros do PP que abandonaron a sesión despois de ter tomado posesión no Pleno da Área Metropolitana.

O rexedor vigués manifestou que "a unión é a forza, no local; no municipal tamén" e que a Área Metropolitana é un "sentimento compartido e levámolo na alma e no corazón porque nacemos con el" e que o desexo de constituír o ente supramunicipal debe reflectirse en melloras tanxibles da vida da xente, polo que lle pediu á Asemblea Metropolitana suma de esforzos para levala adiante entre concelleiras e concelleiros de 14 municipios de diferentes posicionamentos políticos que representan a 478.326 habitantes "que confían en nós e que queren que se constitúa a Área, que bota a andar para mellorar a súa calidade de vida." Así afirmou que a área nace "con forza, ganas e coa lexitimidade democrática que lle dades todos os que estades aquí".

Sobre o funcionamento da Área Metropolitana, Caballero apuntou que "compartirmos economía, espazos, símbolos, sensacións e hoxe, coa Lei vixente, seguiremos potenciando os acordos e resolvendo as discrepancias porque o común está aquí", engadindo que "todos somos iguais e importantes porque somos, sobre todo, cidadáns e sentímonos preto da nosa cidadanía".

No seu discurso, o alcalde olívico declarou a súa vontade de presidir a Área Metropolitana "para ir todos xuntos, para coordinar e falar de forma continua" poñendo por diante á cidadanía "porque nas competencias todos somos iguais" e adiantou que "resolveremos o problema do transporte metropolitano tan pronto constituamos o goberno; ese mesmo día", amais, reiterou o compromiso asumido polos 14 municipios de ampliar o ente supramunicipal a todos os concellos que teñen solicitada a súa entrada "para que non falte ninguén".

En canto ás cuestións pendentes que debe abordar a Área Metropolitana, Caballero mencionou o ámbito das infraestruturas, os servizos, o desenvolvemento tecnolóxico e o financiamento dende a Comunidade Autónoma, así como o tren de alta velocidade ou as autovías básicas pendentes que cómpre reclamarlle ao Estado. Amais referiuse á necesidade de "seguir vertebrando o territorio" coa eliminación de peaxes como a existente entre Vigo e Redondela. Destacou o reto de crear unha "administración moderna e eficiente que permita máis e mellores servizos cidadás" recoñecendo que neste comezo da posta en marcha da Área, Vigo terá que asumir unha parte da responsabilidade de dotación material.

Intervencións
Durante a sesión constitutiva, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, tomou a palabra en representación dos alcaldes e concelleiros de Movemento Salceda, GañaMos, Marea de Vigo e Alternativa Canguesa de Esquerdas. Pazos criticou o "espectáculo bochornoso" dos asemblearios populares e avogou pola defensa do público dentro do ente supramunicipal sen inxerencias.

En representación do BNG, interveu Mercedes Giráldez, concelleira de Cangas, quen amosou a súa crenza "profunda" na Área Metropolitana, algo que leva anos bloqueando, dixo, o Partido Popular. Ricardo Figueroa, concelleiro de Agrupación de Electores Redondela, manifestou o seu rexeitamento á candidatura do alcalde de Vigo mentres Carlos López Font, en nome dos socialistas, amosou a súa satisfacción neste "día histórico, esperado longamente" no que comeza o camiño dun proxecto ambicioso.
1480610617AM2.jpg
1480610713xuras.jpg