Escoitar

Caballero constata un "acordo practicamente total" entre os alcaldes da Área Metropolitana

Á reunión celebrada este luns en Vigo acudiron 16 rexedoras e rexedores que manifestaron o seu acordo co sistema de goberno do ente con representación proporcional corrixida e voto cualificado de catro concellos de 14, co sistema de financiamento e coa asunción de competencias gradual e voluntaria. Tamén concordan no feito de que a Área asuma o transporte interurbano e desenvolva un plan de transporte propio coordinado co urbano de Vigo.

luns, 1 feb 2016
1454334797area.JPG
Os alcaldes e alcaldesas de A Cañiza, Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Mondariz, Nigrán, Pazos de Borbén, Porriño, Redondela, Salceda, Soutomaior, Tui, Vilaboa e Vigo mantiveron un encontro este luns para abordar o desenvolvemento da Área Metropolitana. Tras a reunión, Abel Caballero amosouse "encantado" coa presenza de "case todos os municipios" e sinalou que existe un "acordo practicamente total sobre a Área" que "se ten que ratificar na reunión deste mércores coa Xunta de Galicia e, a partir de aí, a Xunta ten que modificar a Lei o antes posible",

Segundo explicou o rexedor vigués, a xuntanza transcorreu nun clima "de entendemento e busca de acordo para sacar adiante a Área Metropolitana" e serviu para concretar a situación actual en varios aspectos. O primeiro é a conformidade dos alcaldes e alcaldesas coa forma de goberno do ente supramunicipal, cunha Xunta de Goberno con representación proporcional corrixida e voto cualificado con catro concellos de 14, tendo en conta que cando se amplíe a Área "quen cede espazo é Vigo e serán precisos máis concellos" para a toma de decisións. En canto ao financiamento, os rexedores presentes concordan en que cada municipio achegue directamente o que lle corresponda en base á súa poboación tratando de que sexa a menor posible. No referente ás competencias, hai acordo no feito de que se asuman de forma gradual para que, segundo expuxo Caballero, "esteamos preparados para desempeñalas. Ten que ser todo voluntario de tal modo que se alguén non está cómodo poida marchar e se alguén non quere estar nunha competencia, non estea".

Transporte metropolitano

Outro dos puntos tratados no encontro foi o transporte metropolitano, sobre o que o rexedor vigués apuntou que debe diferenciarse "entre as competencias de transporte da Área Metropolitana" e o Plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia". Explicou que a proposta de Vigo é que o transporte interurbano, o que afecta a varios municipios, sexa asumido polo ente supramunicipal, no que se creará un comité de cooperación para coordinar ese transporte co urbano de Vigo, engadindo que "isto non implica ceder o transporte urbano de Vigo que é complexo. O Comité creado tería que coordinar as formas para chegar ao novo hospital ou ao aeroporto" desde todos os concellos que formen parte da Área.

Ademais, Caballero sinalou que a Área Metropolitana elaborará o seu propio plan de transporte e o papel que xogue nel cada concello, xa que se contará con todos, polo que haberá que incluír a aqueles que non están dentro nestes momentos como A Cañiza, Tui ou A Guarda. A este respecto, o alcalde de Vigo destacou que "tan pronto teñamos un acordo sobre o texto da Lei da Área Metropolitana, ao día seguinte, reúno aos alcaldes e alcaldesas para iniciar o noso plan de transporte metropolitano. Non imos esperar nin un día". E reiterou que o ente supramunicipal se poñerá en marcha con 14 concellos pero que a primeira decisión será a ampliación, de maneira que "na elaboración do plan de transporte xa estaremos os 28 ou quen queira estar."
Descargar todas as imaxes