O alcalde reclama indemnizacións a Europa pola anulación "indebida" do tax lease

O Tribunal da Unión Europea declarou legal o sistema de bonificacións empregado polo naval vigués, o chamado tax lease, revocando a anulación decretada pola Comisión Europea. Caballero esixiu a devolución do que costou esta "decisión indebida", "estaleiro por estaleiro", pois conlevou a paralización das empresas do sector durante "anos e anos".

venres, 18 dec 2015
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou este venres positivamente a sentencia do Tribunal da Unión Europea que invalida a decisión da Comisión de anular o sistema español de bonificacións do naval, coñecido como tax lease, avalando a súa legalidade.

Caballero esixíu de Europa que devolva o que costou esta suspensión e a paralización da actividade naval que conlevou na cidade, "estaleiro por estaleiro, traballador por traballador". O rexedor recordou que esta "decisión indebida" supuxo que estas empresas "estiveran paradas anos e anos", co que é preciso que a Unión Europea indemnice e devolva "todo aquelo que perdimos".

O alcalde vigués trasladou o seu agradecemento a todos aqueles colectivos e entidades que se mobilizaron durante o verán de 2013 en defensa do sector naval da cidade, nunha serie de reunións que convocou o propio Caballero e culminaron coa declaración do entón comisario da Competencia europeo, Joaquín Almunia, como persoa "non grata" na cidade de Vigo, pois estaba adoptando unha decisión "inxusta".

O primeiro edil enumerou as reunións mantidas durante xuño e xullo de 2013, para darlle as grazas aos responsables sindicais do naval e comarcais UGT, CCOO e CIG, ás asociacións veciñais, aos representantes do mundo do comercio e do deportes, a ASIME e as empresas do naval e ás auxiliares, ao sector turístico e hosteleiro, e aos colectivos sociais e sindicais.