Escoitar

O concello limita a velocidade a 30km/hora, construirá beirarrúas e vixiará a seguridade dos peóns nos accesos ao hospital

Abel Caballero informou este martes das medidas coas que o goberno local quere garantir a seguridade e mellorar o tráfico nos accesos ao Álvaro Cunqueiro, que inclúen a redución da velocidade máxima a 30km/hora en Clara Campoamor, a colocación de bandas redutoras e o reforzo da presenza policial para garantir que se respecta a limitación. Ademais, estúdase a posibilidade de expropiar terreo para construír beirarrúas sen perder espazo de aparcamento e, no centro da cidade, analízanse opcións para aliviar a intensidade circulatoria de vías como a Avenida de Castrelos. Para dar a coñecer itinerarios alternativos, o Concello prepara mapas con recomendacións para condutores da cidade e para os que veñen de fóra.

martes, 20 out 2015
O informe elaborado pola Policía Local, a Concellería de Seguridade e Tráfico e o propio alcalde contempla a implementación de medidas especiais para garantir a seguridade viaria e favorecer a circulación nas vías de acceso e no contorno do Hospital Álvaro Cunqueiro. Segundo explicou Abel Caballero a circulación entre as dúas rotondas, a da VG20 e a de Clara Campoamor, queda limitada a 30 km/hora; "é a mesma limitación que existe no centro da cidade nos tramos semipeonís porque queremos dar a máxima prioridade á seguridade do tráfico nesa zona". Xa están instalados 3 sinais que informan do cambio e procédese á colocación de ata 7 nesa vía. Ademais, o Concello poñerá 2 báculos no centro de Clara Campoamor indicando a limitación de velocidade e a presenza de peóns. Adicionalmente, para impedir que os vehículos circulen a máis de 30 quilómetros hora, van colocarse bandas redutoras nos dous sentidos da marcha e a presenza da Policía Local na zona reforzará o respecto á limitación da vía. En canto ás beirarrúas, o rexedor apuntou que se está estudando a posibilidade de expropiar marxes da avenida para dar espazo ás mesmas sen diminuír a capacidade de aparcamento da zona.

Por outra parte, o Concello estuda outras accións para aliviar a intensidade de tráfico na cidade derivada da entrada en funcionamento do novo hospital, por exemplo, na Avenida de Castrelos, que rexistra no sentido de baixada unha importante afluencia circulatoria para a que non está preparada. Neste punto, o alcalde sinalou a opción de cambiar o lugar de estacionamento dos autobuses lanzadeiras desde Castrelos ata a Universidade, que terán o seu punto de saída ao principio da rúa Fragoso e a implantación do dobre sentido de circulación en Val Miñor, unha vía ampla que admitiría a derivación do tráfico cara ela e que permitiría "flexibilizalo de maneira moi significativa", segundo Caballero.

Co fin de facilitar o tránsito de vehículos cara o novo hospital, o goberno local de Vigo está elaborando mapas con recomendacións de accesos alternativos, como é o caso da VG-20 dende Vigo e dende fóra da cidade e tamén haberá itinerarios recomendados para os usuarios do hospital que cheguen dende fóra. Así mesmo, o Concello analiza a posibilidade de que as lanzadeiras da Universidade realicen paradas no Hospital, especialmente aquelas que teñen un nivel de ocupación baixo.

Segundo o alcalde, estas son "medidas de percorrido inmediato" que se revisarán "cando teñamos os dous aparcamentos gratuítos construídos polo Concello e eventualmente un terceiro dispoñible". Abel Caballero referiuse ás dificultades de transporte e tráfico que está provocando o Álvaro Cunqueiro no caso dos autobuses que atopan atrancos para circular polas vías interiores do recinto hospitalario e que, dixo, son "responsabilidade da Xunta". Amais, reiterou a súa esixencia a Feijóo de que declare a "gratuidade inmediata dos dous aparcamentos do Hospital" e adiantou que recibirá ao Conselleiro de Sanidade nun encontro no que esa será a súa principal petición.