Escoitar

Caballero anuncia a construción dun aparcamento gratuito anexo ao novo hospital

O goberno de Vigo iniciou este xoves a tramitación para habilitar 500 prazas de estacionamento de balde nunha parcela anexa ao novo hospital, cun investimento municipal de case 500.000 euros. Así anuncióuno o alcalde, ante a "cerrazon absoluta" da Xunta de Galicia de facer gratuito o do propio centro e por considerar "moi importante que os usuarios teñan aparcamento gratis". Caballero solicitou novamente a Núñez Feijóo que elimine o pago no propio estacionamento do Álvaro Cunqueiro.

xoves, 17 set 2015
1442493290alcalde6.jpg
O alcalde de Vigo deu hoxe xoves a instrución de iniciar a tramitación administrativa para habilitar 500 prazas de estacionamento gratuito nas inmediacións do novo hospital de Vigo. Caballero argumentou esta decisión, que conlevará un investimento do Concello próximo aos 500.000 euros, en que ve "moi importante que os usuarios teñan aparcamento gratis" e ante a negativa do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de eliminar o pagamento no propio parking do Álvaro Cunqueiro.

"Vexo una cerrazón absoluta en Feijóo a poñer gratis o aparcamento do hospital, como é a súa obriga", afirmou Abel Caballero, quen engadiu que, "despois de escoitar as súas declaracións no Parlamento, xa vexo que non o vai facer; o señor Feijóo non ten a máis mínima intención de poñer as prazas do aparcamento do hospital, como corresponde, gratuitas, e polo tanto iniciamos nós a construción de 500 prazas de aparcamento gratuitas".

A construción do aparcamento de balde que promove o Concello require de habilitar unha partida orzamentaria, informou o alcalde vigués, para licitar e executar a obra, estimada en case medio millón de euros. Caballero, quen non descarta ampliar en fases sucesivas as prazas de estacionamento, avanzou que a intención municipal é conectar esta parcela coa rotonda do hospital para facilitar o acceso a un estacionamento que podería estar rematado na primavera de 2016.
Descargar todas as imaxes