Escoitar

Abel Caballero apoia o interese da Guarda de incorporarse á Área Metropolitana

Logo de manter este mércores unha entrevista co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, o rexedor vigués manifestou que "defenderá" a presenza deste concello na Área Metropolitana no caso de que solicite formalmente a súa inclusión. Ademais, Caballero salientou o feito de que arestora hai acordo entre os rexedores de concellos que gobernan 443.000 habitantes para modificar a lei e constituír a Área.

mércores, 16 set 2015
1442407955AlcaldeAGuarda2.JPG
O alcalde de Vigo valorou positivamente a reunión mantida co seu homólogo da Guarda, Antonio Lomba, quen lle manifestou o seu desexo de formar parte da Área Metropolitana. Para o rexedor guardés, unha parte importante do futuro do seu municipio debe realizarse en contacto coa cidade de Vigo, tal e como explicou Caballero, que falou da relación estreita que manteñen ámbolos concellos en materia de sanidade, emprego e cuestións de desenvolvemento turístico. Por iso, dixo, A Guarda "debe formar parte da Área Metropolitana e será bo" para o novo ente supramunicipal.

Nese sentido, o rexedor vigués anunciou que "defenderei a incorporación da Guarda á Área Metropolitana se o solicita formalmente" e adiantou que a demanda guardesa de mellorar as súas comunicacións por estrada para conectar coa autovía a Vigo será unha reclamación da futura entidade metropolitana. Ademais, Abel Caballero explicou que se podería aplicar un criterio de excepcionalidade co Concello da Guarda, que non limita con ningún municipio da área metropolitana, tal e como contempla a lei, similar ao empregado para os municipios de Moaña e Cangas, que carecen de linde terrestre con Vigo. A Guarda presenta unhas condicións xeográficas similares ao ter unha parte destacada do seu territorio rodeada por mar e polo río Miño.

Balance dos encontros celebrados
Segundo explicou este mércores o alcalde de Vigo, ata agora hai tres concellos que pediron a súa incorporación á Área Metropolitana: A Guarda, Tomiño e Tui, "de enorme significado porque son parte importante da franxa fronteiriza", o que implica a "conexión case total da Área co norte de Portugal e iso é moi relevante no futuro deste territorio".

Facendo reconto das entrevistas mantidas durante as últimas semanas, Abel Caballero lembrou que se reuniu cos rexedores de Nigrán, A Guarda, Porriño, Tomiño, Fornelos, Gondomar, Tui, Cangas, Moaña e Salceda de Caselas. "Somos 11 concellos que queremos ter Área Metropolitana no proxecto de lei reformado que planteei á Xunta de Galicia, ben sexa co modelo Barcelona ou co modelo Xunta co peso proporcional que corresponde e que figuraba no proxecto que aprobaron os concellos na Área Metropolitana".

Nestes momentos, engadiu Caballero, "alcaldes de concellos que gobernan a 443.000 persoas estamos dacordo en modificar a lei e constituír a Área", apuntando que "estamos no ámbito de poboación das grandes cidades de España" pero que "non temos resposta de rexedores que gobernan 77.000 persoas".

Anunciou Abel Caballero que a próxima semana manterá dúas novas xuntanzas para abordar cuestións da Área Metropolitana: o luns co alcalde de Redondela, Javier Bas, e o martes co alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro. E engadiu que o proxecto está "moi maduro" polo que "teño a ambición de que a Área teña a súa lei aprobada nos meses de xaneiro ou febreiro e poidamos constituíla na primavera".
Descargar todas as imaxes