Escoitar

Vigo e O Porriño comparten modelo de Área Metropolitana e urxen unha modificación "rápida" da lei

Abel Caballero recibiu este martes a Eva García e ambos mandatarios trasladaron a necesidade de reformar a actual lei autonómica de Área Metropolitana de Vigo de forma "rápida". "Compartimos gobernanza e competencias", indicou o alcalde de Vigo, quen apuntou a vontade de ambos concellos de encauzar o transporte metropolitano dentro do novo ente administrativo.

martes, 18 ago 2015
1439902554eva.JPG
Tanto o alcalde de Vigo, Abel Caballero, como a súa homóloga en O Porriño, Eva García de la Torre, comparten "visión" sobre a lei de Área Metropolitana de Vigo e reclaman unha reforma "rápida" da mesma. Caballero explicou que ambos "compartimos gobernanza e competencias" e, xunto a Nigrán -o rexedor vigués mantivo unha reunión a pasada semana co seu primeiro edil-, os municipios queren "encauzar" o transporte metropolitano desde a Área, para que non sexa unha carga económica para estes.

Abel Caballero recordou que o transporte metropolitano actualmente é competencia da Xunta de Galicia, mais os municipios incluídos no plan teñen que abonar unha cantidade. Pola contra, Vigo ten "o servizo ao 100%" e non abona cifra algunha, explicou o rexedor vigués, o que "demostra que os concellos non teñen que pagar o transporte metropolitano". "Isto debe resolverse no ámbito da Área Metropolitana", concluíu.

Auga
Alcalde e alcaldesa mantiveron unha entrevista "cordial", en verbas de Caballero, no que se abordaron outros temas que atañen a Vigo e a O Porriño, como o procedemento xudicial que ambos concellos manteñen desde hai anos polo pago da auga. O alcalde de Vigo recordou que existe unha sentenza firme favorable á cidade olívica por un volume de débeda "moi significativo" para un municipio como O Porriño, polo que serán os técnicos os que valoren como dar cumprimento á resolución xudicial, o que posiblemente se traduza nun plan de pagos plurianual.
Descargar todas as imaxes