Escoitar

Clausura das exposicións "Mario F. Granell" e "A Outra Cara de África"

O domingo 28 de xuño, clausúranse as exposicións temporais que se veñen ofertando no Verbum-Casa das Palabras "A Outra Cara de África" e na Pinacoteca Francisco Fernández del Riego "MARIO F. GRANELL. Morte e reencarnación dun pintor galego".

mércores, 24 xuñ 2015
No caso da Pinacoteca (r/ Abeleira Menéndez, 8), clausúrase a exposición "MARIO F. GRANELL. Morte e reencarnación dun pintor galego", que dende a súa inauguración, en outubro pasado, ten recibido máis de 8.000 visitantes que puideron descubrir a sorprendente figura deste pintor galego, moi vencellado á cidade de Vigo. De feito, o Concello de Vigo foi a única cidade galega que honrou ao artista polo centenario do seu nacemento con esta exposición antolóxica.

Perto de 70 obras, procedentes de distintas coleccións, permiten seguir a evolución de Mario F. Granell ao longo dunha carreira verdadeiramente extensa. Os seus anos mozos, en Santiago de Compostela e Madrid, onde coñece a figuras chave como Castelao ou García Lorca. O seu paso dramático polo cárcere de A Coruña, como represaliado na guerra civil. A difícil supervivencia en Vigo da posguerra en compaña de amigos como Laxeiro, Lugrís,.... O ansiado "exilio" en Venezuela durante os anos 60 e 70, onde amáis do éxito profesional, chega a madurez artística. E finalmente, o seu retorno a Galicia nos 80, falecendo en Vigo en 1991. Unha vida pois, entregada á pintura, que esta exposición quere rescatar dun inxusto silencio. A mostra vai acompañada dun catálogo completamente gratuíto que pode solicitarse no mostrador da Pinacoteca ata o seu esgotamento.

No Verbum (Avda de Samil, 17), ofertouse a exposición "A Outra Cara de África", promovida pola Asociación de Emigrantes Senegaleses residentes en Vigo, en colaboración coa Concellería de Cultura, e supón o desexo de presentar o continente africano con todas as súas riquezas e valores. África árida e luxuriante, relixiosa e animista, vermella e verde, fermosa e sórdida, poboada e desértica. Esta África chea de contrastes quere compartir uns tesouros históricos, culturais e humanos que son parte do patrimonio da humanidade. África, a gran descoñecida, móstrase á cidadanía para ofrecer a diversidade e a riqueza das súas culturas e a súa autenticidade, a través do achegamento respetuoso á súa artesanía, relixión, arte, etc., para descubrir unha sociedade con múltiples contrastes, para coñecer mellor a realidade dun pobo, reducir as distancias e compartir a esencia dunha cultura.