Escoitar

Xogos típicos de toda Europa na II Feira da Infancia e Xuventude de Vigo

venres, 27 dec 2002
imx2174.jpg
Momento da inauguración
Os xogos típicos de toda Europa serán o prato forte da II Feira da Infancia e Xuventude, que, promovida pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo, celebrarase do 26 ó 29 de decembro no Instituto Feiral de Vigo, en Cotogrande en horario de 12 a 20 horas.

Na mostra, que ocupará 14.000 metros cadrados, haberá maxia, xogos, deportes e obradoiros de todo tipo. A primeira edición da feira, desenvolvida o ano pasado, foi visitada por máis de 18.000 persoas.

A mostra será aberta polo clown Tanito e o seu fillo Brais, de oito anos, o mago máis novo de Europa, do que dá fe o seu carné de mago profesional do Círculo de Ilusionistas Profesionais Españois.

Os xogos típicos de toda Europa permitirán ós máis novos coñecer os distintos aspectos culturais que conforman cada unha das entidades nacionais. Os xogos serán a fiestra a través da que poder achegar a nenos e mozos ós valores e tradicións de cada un dos países europeos.

A ONCE e a Asociación de Xordos de Vigo colaborarán dun xeito ativo na mostra. A ONCE instalará un túnel das sensacións para achegar o público ás percepcións dos sensos do mundo das persoas cegas. Pola súa banda, a Asociación de Xordos presentará dferentes obradoiros e unha obra de teatro.

Varios monitores integradores facilitarán o acceso ás actividades dos nenos con discapacidades, gracias á colaboración desinteresada da Asociación Española contra as Enfermedades Musculares e dos alumnos de Educación Social da Universidade de Santiago. O sábado 28 de decembro haberá unha serie de conferencias sobre as axudas ós enfermos neuromusculares.
Descargar todas as imaxes