Escoitar

PSOE e BNG avalan a presentación dun conflito en defensa da autonomía local

O alcalde foi facultado no Pleno desta mañá para iniciar os trámites que permitan ao Concello de Vigo interpoñer un conflito de defensa da autonomía local contra a lei 27/2013, de 27 de decembro de 2013. Os votos de PSOE e BNG permiten, polo tanto, arrancar o proceso contra a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local.

luns, 24 feb 2014
Socialistas e nacionalistas deron luz verde no Pleno deste luns a unha proposta do alcalde e a unha moción do BNG nas que se prantexa interpoñer un conflito en defensa da autonomía local contra a lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local. Deste xeito e cos votos en contra dos populares, o Concello iniciará os trámites para solicitar dictame do Consello de Estado, a través do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O Pleno tamén facultou ao alcalde para realizar este procedemento, así como para outorgar escritura de poder a unha procuradora en Madrid que interporá o conflito, en representación da administración local.

Por outra banda, ambos grupos apoiaron unha moción do BNG que, ademais de recoller as propostas da Alcaldía, insta a iniciar un proceso de reforma constitucional que determine que as estruturas territoriais básicas do Estado serán os municipios e as comunidades autónomas. O texto dos nacionalistas tamén establece a necesidade de acometer o proceso de extinción das deputacións provinciais en réxime común.

Emigración
Outra das propostas nacionalistas que se aprobaron esta mañá rexeita a exclusión da atención sanitaria público-gratuita das persoas que permanezan máis de 90 días fora do Estado nun ano natural ou non residentes do Estado español. O BNG aceptou unha engádega do PSOE e a moción aprobouse cos votos socialistas e co PP en contra. A achega dos socialistas insta ao Goberno do Estado a retirar as normas que eliminan o dereito á asistencia sanitaria ás españolas e españois que permanezan máis de 90 días fora do territorio nacional.

Outro dos apartados da moción defendida pola voceira do BNG, Iolanda Veloso, inta á Xunta de Galicia a que, mentres que non se proceda a derrogar o real decreto lei, asuma e garanta a atención sanitaria dos galegos que saian fora do Estado por un periodo superior aos 90 días, conservando a tarxeta sanitaria en vigor.