Escoitar

O alcalde cualifica de "revolución na cidade" o inminente comezo das obras do Barrio do Cura

Abel Caballero "felicitou á cidade" polo inminente comezo das obras do Barrio do Cura, "unha revolución en Vigo, unha obra da maior modernidade, que permitirá a recuperación dunha zona moi deteriorada". Deste xeito valoraba o rexedor o visto bo de Patrimonio Histórico a un proxecto que xurde xa no ano 1971 e que logo de medio século "é este goberno o que o leva a cabo", puntualizou.

xoves, 6 feb 2014
O alcalde de Vigo avanzou a aprobación definitiva do PERI de Barrio do Cura no pleno de finais deste mesmo mes ou de princios de marzo. Este paso administrativo é posible unha vez que Patrimonio Histórico parece ter dado luz verde ao proxecto elaborado polo Concello e a empresa promotora. En rolda de prensa, Caballero resaltou o traballo de adaptación á lexislación vixente que hai detrás desta "excepcional" iniciativa urbanística e trasladou a súa "honra" por presidir o goberno local que foi quen de sacar adiante un proxecto que se asenta na tentativa de aprobar un PERI alá polo ano 1971. Xa en 1999, asínase un convenio de traslado coas relixiosas e no 2008, este ámbito inclúese no PXOM.

O alcalde avanzou que en "breve prazo" estará en marcha o que cualificou como "una revolución na cidade" porque será unha obra da "máxima modernidade" que permitira recuperar unha zona moi "deteriorada". Reiterou a súa vontade de "felicitar á cidade, ao Concello e á empresa promotora" porque todo Vigo reclamaba a recuperación destes espazos, concluíu.