Escoitar

O Concello convoca os premios á Excelencia Hixiénico Sanitaria

martes, 5 nov 2002
imx1946.jpg
Programa
O concelleiro de Sanidade e Consumo, Santiago Domínguez, presentou hoxe os primeiros premios Cidade de Vigo á Excelencia Hixiénico Sanitaria para panaderías, pastelerías e restaurantes, de cara a instaurar un selo de calidade para estes establecementos diante dos consumidores. O concelleiro salientou que ”intentamos contribuír a dinamizar eses negocios e os productos que ofrecen, dando un impulso e respaldo dende o Concello ás empresas”.

Os establecemento que resulten distinguidos recibirán un diploma que acredita e certifica a calidade hixiénico sanitaria do establecemento. Se ademais cumpren estas premisas máis alá do estrictamente obrigado, recibirán tamén unha placa conmemorativa e un diploma pola Excelencia Hixiénico Sanitaria do seu negocio, que o distinguirá especialmente.

Ó premio poderán presentarse tódolos establecementos de panadería, pastelería e restauración colectiva do termo municipal de Vigo, agás aqueles franquiciados ou con domicilio social fora de Vigo. A solicitude de participación deberá ser entregada no Laboratorio Municipal, no primeiro soto do Concello antes do 30 de decembro de 2002.

Na inspección que realice o xurado, sen previo aviso ós establecementos, valoraranse os aspectos hixiénico sanitarios do establecemento, da utilaxe, da maquinaria, do persoal e das materias primas. O xurado estará formado por dous técnicos da Concellería de Sanidade e Consumo, dous técnicos dos servicios de saúde pública da Consellería de Sanidade e os presidentes das asociacións de panadería, pastelería e hostelería.

A entrega dos premios terá lugar o 15 de marzo de 2003 con motivo do Día Mundial do Consumidor.
Descargar todas as imaxes