Escoitar
Este sábado celébrase tamén o XVII Maratón Fotográfico

A xira Live Experience de Carlos Jean fai parada en Castrelos

O Marisquiño comeza o venres no marco dun fin de semana repleto de actividades das Festas do Verán que organiza o Concello de Vigo. Carlos Jean ateigará o auditorio de Castrelos o sábado e a exhibición do Team Estrella Galicia 0,0 de motociclismo porá patas arriba a rúa Venezuela.

venres, 10 ago 2012
1344601393carlosjean.jpg
Este vindeiro fin de semana preséntase como un colofón ideal para a Semana Grande das Festas de Verán, que comezou o pasado sábado co pregón de Antón Reixa e que aglutina nos próximos dous días os seus eventos de maior relevancia.

Carlos Jean chega a Vigo coa súa xira Live Experience, o DJ galego está inmerso na xira Live Experience, un proxecto musical aberto á colaboración de todos e que fai gozar ó seu público en cada concerto. Un verdadeiro espectáculo de sons que creou unha alta expectación na cidade, unhas expectativas que sen dúbida cumprira de abondo. A cita será o sábado 11 ás 23 h. no auditorio de Castrelos.

O Marisquiño supón outro evento de obrigada asistencia no fin de semana vigués. Dende hoxe e ata o domingo pasarán pola cidade os mellores skaters, riders, pilotos ou bboys do ámbito internacional, competindo nas probas de prestixio que se celebran no Marisquiño. Unha nova edición dun dos festivais de cultura urbana máis recoñecidos en España e no mundo.

A saturada axenda do fin de semana ofrece tamén unha excelente oportunidade para os amantes da fotografía, os que poderán participar no Maratón Fotográfico do Concello de Vigo, optando a gañar uns suculentos premios polas súas capturas. O concurso arranca o sábado ás 20 h., xusto a mesma hora á que dará comezo a esperada exhibición de motos na rúa Venezuela, coa participación de Marc Márquez e o equipo enteiro de Estrella Galicia 0,0. Unha grandísima oportunidade para os amantes do motociclismo para ver de preto ós profesionais en acción.

Remata o calendario desta semana grande coas Festas Gastronómicas, celébrase a Festa da Sardiña o sábado 11 de agosto, na Carballeira da Guía, e a Festa do Polbo o domingo 12, no Monte dos Pozos. Dúas oportunidades excelentes para gozar dun día de gastronomía e cultura popular.

Por último, este fin de semana conclúen tanto a programación infantil, que tivo lugar durante os últimos 5 días, como tamén rematan as Noites Temáticas que teñen lugar na Praza da Consitución. A Eduardo Pinilla Blues Band na noite de hoxe e María do Ceo mañá sábado, porán o colofón final a este ciclo de concertos.
Descargar todas as imaxes