Escoitar

O Concello impulsa a urbanización de Villa Laura

mércores, 24 xul 2002
Este mesmo ano comezarán as obras de urbanización de Villa Laura, a zona delimitada polas rúas Pintor Colmeiro, Barcelona, Tarragona e Hispanidade. O Consello da Xerencia aprobou o proxecto de Urbanización e acordou trasladar ao pleno da corporación unha proposta de acordo para compensar aos propietarios de terreos afectados pola prolongación da rúa Pintor Colmeiro.

O proxecto de urbanización aprobado polo Concello inclúe a prolongación da rúa Tarragona (ata Pintor Colmeiro) e da rúa Zaragoza (dende Tarragona ata Vía Hispanidade). Tamén se completará a rúa Sevilla ata Pintor Colmeiro, pero neste treito terá carácter peonal exclusivamente.

Na configuración das novas rúas optouse por un tratamento que prima aos peóns sobre o tráfico rodado (beirarrúas máis anchas con arborado), pensando na futura humanización de todo o barrio.

A Unidade de execución inclúe unha zona verde de 3.000 m2 situada á beira de Pintor Colmeiro e que incluirá un parque infantil. Baixo a zona verde e a devandita rúa construirase un aparcadoiro soterrado, que dará servicio non só á veciñanza senon tamén aos usuarios do centro médico próximo.

Unha das novidades desta urbanización é que contará cunha galería de servicios visitable pola que decorrerán as canalizacións de alumeado público, cable, a rede semafórica e o abastecemento de auga. O orzamento de execución da obra está avaliado en 899.000 euros.

Para que o proxecto de urbanización puidera aprobarse, o Concello tivo que chegar a un acordo cos propietarios de terreos que se utilizaron en 1995 para prolongar a rúa Pintor Colmeiro. O acordo consiste na sinatura dun convenio urbanístico en virtude do cal compensarase aos titulares dos terreos ocupados mediante a adxudicación aos mesmos de parte do aproveitamento edificable que lle corresponderá ao Concello de Vigo neste ámbito de actuación.