Escoitar

Castrillo e Docampo visitan o xacemento arqueolóxico de Mirambell

luns, 22 xul 2002
imx1689.jpg
Pérez Losada, Docampo e Castrillo
O alcalde, Lois Castrillo, aproveitou a presentación das excavacións arqueolóxicas da vila romana de Toralla para solicitarlle á Xunta de Galicia a súa colaboración nesta iniciativa, unha das prospeccións arqueolóxicas máis importantes das que se realizaron en Galicia nos últimos tempos. O alcalde salientou o bo clima de colaboración existente entre o Concello e a Universidade, que permite acometer este proxecto de investigación e musealización do xacemento, e convidou a Administración autonómica a sumarse a el.

Lois Castrillo subliñou que a musealización do xacemento e o acondicionamento do seu contorno vai supoñer a creación en Vigo dun novo centro de atracción turístico e cultural e convidou aos vigueses a achegárense ao Vao para comprobar in-situ como se desenvolven os traballos de excavación.

O xacemento da finca de Mirambell abrirá dende hoxe e ata o 30 de agosto as súas portas dándolle a oportunidade aos cidadáns de vivir en directo diariamente o proceso de musealización deste ben patrimonial. Precisamente, esta singular mostra, caracterizada polo seu dinamismo, inaugúrase dúas semanas despois do comezo da escavación e rematará unha semana antes do final da mesma.

Durante este período de tempo os que se acheguen á finca de Mirambell, onde está emprazada a vila romana, poderán coñecer in situ como se fai unha escavación arqueolóxica, como se investiga e se obtén información a partir destes restos, ou cal é o proceso que se segue para a súa recuperación, entre outras moitas curiosidades.

A visita, que partirá dunha carpa instalada nas inmediacións do xacemento, constará de dúas partes: unha primeira con contidos fixos e unha segunda con contidos que variarán en función dos traballos que se estean a realizar no momento do percorrido.

Acompañados por un guía, os visitantes poderán tomar nota da importancia deste ben patrimonial, desvelar os segredos que agochan as ruínas descubertas, achegarse á metodoloxía utilizada na finca (aparellos fotográficos, técnica de exhumación), aos sistemas de rexistro (debuxo, fotografía) e contemplar en directo os materiais recuperados e o seu proceso de investigación (siglado, inventario).

Neste percorrido, ao inicio do que se entregará un folleto explicativo básico, o público tamén poderá coñecer o proxecto integral de musealización previsto para o xacemento romano de Mirambell.

O guión variable dependerá do día e hora nos que se desenvolva a visita, xa que a idea dos organizadores é a de aproveitar a coincidencia da exposición e dos traballos de recuperación da finca para amosar as descubertas arqueolóxicas especialmente destacadas que se produzan nesa xornada ou mesmo dar a oportunidade á xente de asistir en directo aos distintos procesos de recuperación e tratamento dos materiais.

Ademais o visitante non será só un mero espectador, senón que se prevé a súa participación activa a través da formulación de preguntas e a colaboración, en ocasións puntuais, con tarefas sinxelas de escavación, tales como limpar estructuras, lavar materiais ou retirar terra, entre outras.

O obxectivo desta mostra é por unha parte didáctico, na medida en que se persegue divulgar e facer comprensible un proceso integral de recuperación duns restos arqueolóxicos, e por outra, o de lograr que un ben patrimonial destas características comece a ter impacto e rendibilidade social dende un primeiro momento.

As visitas a Mirambell realizaranse só en días laborables e faranse en grupos reducidos, dun máximo de 30 persoas. Con saídas previstas para as horas en punto e as medias, os percorridos terán unha duración aproximada de trinta minutos.


Convenio Universidade-Concello de Vigo

As actuacións que se levarán a cabo na finca de Mirambell serán posibles gracias ó convenio que no seu día asinaron o rector da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, e o alcalde, Lois Pérez Castrillo, para o desenvolvemento do proxecto de I+D “Investigación e musealización da vila romana de Toralla”.

Un dos obxectivos cos que naceu este acordo foi o de valorar e investigar os vestixios arqueolóxicos do xacemento situado na illa de Toralla, favorecer a súa conservación e recuperación, así como posibilitar a súa presentación ó público en forma de museo, un público que dende hoxe poderá seguir paso a paso os traballos.

Segundo establece o convenio, a institución académica viguesa xogará o papel de coordinadora e directora xeral de tódalas actuacións previstas na vila romana.

Baixo a dirección do profesor da Facultade de Humanidades de Ourense, Fermín Pérez Losada, a Universidade realizará os traballos de investigación arqueolóxica e científica do xacemento e do contorno (escavación, estudio de materiais e análises científicas), ademais das obras de conservación e restauración das ruínas.

Será tamén a encargada da elaboración do proxecto museográfico integral de Mirambell, que se prevé estea composto polo xacemento e por un Centro de Exposición ou Interpretación asociado. A equipa da institución correrá ademais coa responsabilidade de deseñar un plano de xestión, promoción e viabilidade da iniciativa que permita, nun futuro, a autofinanciación do conxunto.

Pola súa banda, o Concello de Vigo financiará o convenio e comprometeuse a executar aquelas actuacións complementarias que se consideren necesarias.

O convenio dálle continuidade ao proceso iniciado no ano 1992 polas autoridades municipais co comezo das escavacións arqueolóxicas no xacemento, datable entre os séculos III a VI d.c.

As obras de cara á musealización da vila romana iniciáronse a finais de maio de 2002 e, cunha duración de 26 meses, prevese que estean rematadas en xullo de 2004.


TELÉFONOS DE RESERVAS PARA VISITAS AO XACEMENTO:

986 471810
615 25 85 31
Descargar todas as imaxes