Escoitar

O alcalde anuncia a adxudicación definitiva de humanizacións por valor de 15,5 millóns

A Xunta de Goberno Local validou, entre este venres e onte xoves, a adxudicación definitiva das obras de humanización de Doutor Marañón, Pintor Colmeiro, Menéndez Pelayo, Brasil, as segundas fases de Ramón Nieto, Aragón e Martínez Garrido, Nicaragua e un treito da Avenida Castelao por valor total de 15,5 millóns. O goberno tamén deu luz verde á reforma interior da escola infantil de Mestres Goldar, que terá 100 prazas.

venres, 30 dec 2011
1325250157alcalde4.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres que a Xunta de Goberno de hoxe adxudicou definitivamente os traballos de humanización das segundas fases de Ramón Nieto e Martínez Garrido, Doutor Marañón e Brasil, e onte cumprimentou o mesmo trámite para outras cinco rúas, por valor total de 15,5 millóns.

Segundo detallou Caballero, o goberno local validou as reformas de Doutor Marañón (807.000 euros), Pintor Colmeiro (870.000 euros), Menéndez Pelayo (2.475.000 euros), Brasil (2.100.000 euros), Ramón Nieto (fase 2-1.500.000 euros), Aragón (fase 2-2.500.000 euros), Martínez Garrido (fase 2- 2.500.000 euros), Nicaragua (2.525.000 euros) e Avda Castelao, entre el nº 1 y el nº 9, por valor de 125.000 euros.

Explicou o alcalde vigués que "o noso compromiso coa cidade era seguir adiante coas humanizacións, de acordo coas demandas dos cidadáns".

Mestres Goldar
O rexedor tamén informou da adxudicación da reforma interior da futura escola infantil en Mestres Goldar, que sumará 100 prazas á oferta municipal para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Os 350.000 euros aprobados hoxe culminan o millón de euros que o goberno de Vigo adica a esta nova dotación educativa da cidade.

Xunto ás catro xa operativas, Caballero recordou que nuns meses comezarán a funcionar as escolas infantís de Tomás Alonso e Casiano Martínez, e o Concello xa deu os primeiros pasos administrativos para a construción doutras catro en A Seara, Lavadores, Navia e A Doblada.

O obxectivo do executivo que preside Abel Caballero é "multiplicar por tres o número de escolas de educación infantil da cidade de Vigo".

Outros acordos
Informou o alcalde que o goberno local aprobou un programa de prestacións "para a prevención, asistencia e promoción social de emerxencias", por 400.000 euros para 2012. Constitúese coma un fondo para financiar eventuais emerxencias que poidan acontecer, como os realoxos por incendios coma o de Gorxal ou as vivendas da rúa Colombia.

O Concello tamén autorizou o proxecto de mellora de beirarrúas e reforzo do firme nas rúas Parrocha e Miraflores, en Bembrive, cun orzamento de 236.000 euros; e deu luz verde á concesión de axudas económicas a titulares de tres eurotaxis, habilitados para discapacitados, cunha achega de 2.000 euros por vehículos que ven sumarse aos 8.000 xa tramitados con anterioridade.
Descargar todas as imaxes