Escoitar

Santi Domínguez asegura que co Convention Bureau Vigo segue os pasos de Barcelona para potenciar o turismo

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, manifestou este martes que coa creación do Vigo Convention Bureau a cidade está a seguir os pasos iniciados hai 17 anos por Barcelona no obxectivo de potenciar o turismo. O nacionalista asegurouno nunha comparecencia conxunta co director xeral do Consorcio de Turismo de Barcelona, Pere Durán.

martes, 28 set 2010
1285678290Barcelona.JPG
Santi Domínguez sinalou a importancia de contar no Foro de Competitividade, que se está celebrando estes días en Vigo, cun experto no eido turístico como Pere Durán, a quen agradeceu a súa presenza na cidade. "En turismo hai moito que inventar, pero moito está ixa nventado, hai moito que innovar e moito que poñer en práctica en Vigo do que xa está innovado", manifestou o tenente de alcalde.

O nacionalista explicou que no Foro de Competitividade está centrado en cinco liñas específicas relacionadas co impulso ao turismo, como son os museos, o bus turístico, os congresos, o sector hoteleiro e o lecer urbano, que se tratan en diferentes mesas de traballo. "O obxectivo é mellorar a estratexia para captar aos turistas e que estes sexan capaces de transmitir a boa atención recibida", precisou.

O director xeral do Consorcio de Turismo de Barcelona salientou a motivación que ten percibido no sector turístico vigués "por facer cousas e facer cousas importantes". Aasegurou que nun mundo cada vez máis globalizado, "o presente e o futuro está nas cidades", sempre e cando aposten pola calidade e a identidade. Ao seu xuízo, "Vigo ten moitas posibilidades nestes dous temas".

Pere Durán explicou que o Consorcio de Turismo de Barcelona, creado hai 17 anos polo Concello de Barcelona e a Cámara de Comercio como representante do sector privado, foi quen de acadar o éxito do seu sector turístico. "O gran éxito foi posible pola gran xenerosidade que tiveron os políticos de ceder o protagonismo aos empresarios, a condición de que puxeran sobre a mesa os recursos", salientou.

Neste sentido, especificou que o comité executivo, que está en mans do presidente da Cámara de Comercio, é o que marca "o día a día". Na súa intervención ofreceu cifras do crecemento turístico de Barcelona e apuntou que de 2 millóns de turistas, pasouse a un total de 24 millóns, dos que 12 millóns pernoctan na cidade e deles 6 millóns en hoteis barceloneses. Tamén fixo referencia ao orzamento que manexa o Consorcio e indicou que de 2 millóns de euros iniciais na actualidade conta con 35 millóns, manténdose a aportacións das entidades en 1 millóns de euros, polo que o resto é froito dos recursos propios.

Preguntado pola posibilidade de incorporar a empresa privada ao sector turístico en Vigo, o tenente de alcalde aclarou que en Vigo xa se está aplicando coa Fundación Vigo Convention Bureau, creada hai pouco máis dun ano. "Non é que sexa posible en Vigo, senón que xa estamos dando os primeiros pasos, pero déixenme consolidar o Convention Bureau", dixo.

Santi Domínguez explicou que este organismo, ademais de estar integrado polo Concello, tamén forman parte Caixanova, a Cámara de Comercio, a CEP, a Universidade, e o IFEVI. "A planificación do Convention ten que dar paso ao consorcio como fixeron en Barcelona", avanzou. Ao respecto, Pere Durán afirmou que é "moi importante" o paso que ten dado Vigo co Convention Bureau para integrar ao sector privado. "É o primeiro paso pero é un paso fundamental", asegurou.
Descargar todas as imaxes