Escoitar

O Museo de Castrelos acollerá o vindeiro domingo 4 de xullo o obradoiro "Landriña descobre a escultura"

O programa divulgativo para familias do Museo de Castrelos "Domingos de Museo" desenvolverá este domingo 4 de xullo unha nova edición, "Landriña descobre a escultura". Segundo informa o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta actividade gratuíta terá unha hora de duración, e nela poderán participar ata 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes.

venres, 2 xul 2010
"Domingos de museo" ten por obxectivo dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos, pero especialmente aos nenos e nenas entre 4 e 12 anos. As persoas que acompañan aos menores poden participar na actividade ou ben deixalos ao coidado do persoal educador.

Landriña, a mascota do Museo da Cidade, é a encargada de presentar cada domingo un itinerario temático polo museo e o xardín histórico que inclúe xogos e actividades. O vindeiro domingo Landriña axudará aos participantes na visita a coñecer as esculturas que contén o pazo e ademais poderán aprender a realizar nas propias salas unas divertidas esculturas de papel.

Ata o mes de setembro o Museo da Cidade conta cun novo horario para o programa de dinamización para grupos, familias e público en xeral. Así, a visita xeral ao pazo, baixo o nome "O pazo, historia e curiosidades", desenvolverase os domingos ás 12.30 horas sen necesidade de facer inscrición previa. Esta actividade trata de presentar de xeito ameno a historia do pazo Quiñones de León. No percorrido, os participantes descubrirán algunhas curiosidades do pazo e das coleccións e como complemento subirán ás torres dende as que se pode gozar dunha privilexiada visión dos xardíns acompañada dunha breve explicación.

Para participar nas visitas guiadas para grupos e asociacións ao pazo de Castrelos é preciso realizar a reserva previa reserva, ao igual que ás visitas guiadas á sala de arqueoloxía e obradoiro de arqueoloxía.
Tamén é posible participar no percorridos guiados ao Xacemento de O Castro en horaio, de maio a setembro, todos os días agás luns de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas, e de outubro a abril, todos os días agás luns de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas; así como as visitas guiadas ao Xacemento da Villa Romana de Toralla, en horario, de outubro a maio, os martes, venres, sábado e domingo de 12 a 18 horas e de xuño a setembro, de martes a domingo de 12 a 20 horas.