Escoitar

Un estudio revela a necesidade de reestructurar os mercados para a súa promoción comercial

martes, 7 mai 2002
imx1383.jpg
Presentación
O ”Estudio, diagnóstico comercial e proposta de readaptación dos mercados municipais” elaborado por Mercacevi, en colaboración co Concello de Vigo e coa Consellería de Industria e Comercio, destaca a necesidade dunha reestructuración física, humana e do contorno onde se asentan os mercados, para mellorar a súa competitividade, segundo explicou o alcalde, Lois Castrillo.

No acto de presentación do estudio estiveron presentes o alcalde, a concelleira de Turismo e Comercio, Lílian Álvarez, o director xeral da Consellería de Comercio e Consumo, Víctor Tello, así como responsables do informe e de Mercacevi.

Castrillo sinalou que este estudio ten que ser un marco técnico para reestructurar os mercados nos próximos anos. Paralelamente, o Concello está a desenvolver diversas accións encamiñadas á humanización do contorno dos mercados do Progreso e do Calvario ou ao desenvolvemento urbanístico en Bouzas e Teis, medidas que contribuirán a reforzar o papel dos mercados municipais como núcleos comerciais dos barrios.

Trátase dun traballo completo e útil que define a potencialidade de Vigo como centro de atractivo comercial con núcleos nos mercados tradicionais aos que van clientes cunha marcada fidelidade para o seu abastecemento, sinalou Castrillo. ”Vigo está a experimentar un continuo crecemento económico, o que demostra que ten un enorme potencial e que se está facendo cidade”, concluiu o alcalde.

Víctor Trillo destacou do estudio a oferta de calidade do producto fresco, o trato personalizado cos clientes e a necesidade de modernización das instalacións.

Realizáronse 1.600 enquisas porta a porta en 700 fogares das que extraeron datos sobre os usuarios dos sete mercados asociados. Os datos apuntan a que se realizan 56.165 visitas semanais aos mercados, cada usuario acode 2,1 veces por semana e hai 28.000 persoas que compran nestes espacios.

O estudio realizado conclúe que é necesario acometer unha urxente remodelación das infraestructuras dos mercados municipais para que poidan competir co resto da oferta comercial da cidade. O custo das obras superaría os 13 millóns de euros (2.100 millóns de pesetas).

Descargar todas as imaxes