Escoitar

Santi Domínguez di que o Premio Nacional de Deporte é un recoñecemento á traxectoria deportiva de Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, amosaron hoxe a súa satisfacción pola concesión ao Concello de Vigo do Premio Consejo Superior de Deportes, dentro dos denominados Premios Nacionales del Deporte 2009. Santi Domínguez considera que a decisión tomada polo xurado "referenda" a política deportiva de Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes de Vigo neste mandato municipal. "Non se nos dá non por unha cuestión puntual senón por unha traxectoria, o que nos enche de orgullo", dixo o tenente de alcalde en conferencia de prensa.

luns, 22 mar 2010
1269281754Deporte.JPG
Segundo Santi Domínguez, a vitoria "cunha amplísima maioría sobre o resto de candidatas" (Salamanca, San Sebastián, Hospitalet, Madrid e Jaca) "demostra que Vigo tiña potencial para ir con garantías a por este galardón", que recae na cidade por vez primeira na historia destes premios.

Entre os méritos valorados para obter esta recompensa nos Premios Nacionales del Deporte figuraron a "experiencia e capacidade organizativa" (Mundial de hockey sobre patíns, Europeo sub 21 de taekwondo, a candidatura á Universiada que logrou para Vigo o Forum FISU 2010 e os Mundiais Universitarios de taekwondo...), pero tamén "a aposta por un deporte integrador", dixo nacionalista, porque "o Concello de Vigo é o que máis investiu en eliminar as barreiras arquitectónicas nas súas instalacións deportivas", manifestou. No dossier presentado tamén se incluía a aposta polo novo modelo de infraestruturas deportivas, o impulso ao asociacionismo deportivo ou o fomento do deporte como un elemento de desenvolmente económico e social da cidade.

O tenente de alcalde felicitouse por que a aposta polo deporte que impulsan a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes premie unha política deportiva que suma "18 millóns de euros entre investimento en infraestruturas deportivas, orzamentos da Concellería de Deportes e do IMD". Ademais, Santi Domínguez fixo extensivo este éxito "aos traballadores e traballadoras do Concello, IMD e Fundación VIDE", e en xeral "a toda a familia deportiva viguesa", na que incluíu ás empresas que apoian o deporte, ás e aos deportistas e aos clubs.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, fixo seu un posicionamento que sempre defende o tenente de alcalde: "Vigo ten que quererse máis a si mesma e saber que é capaz de acceder a calquera meta. O deporte é poliédrico, ten moitas caras, e este premio é un esforzo de moitas sumas, porque todo o mundo sumou en cada evento". O concelleiro salientou que o premio non é froito da casualidade e puxo en valor que o grupo municipal do BNG e o tenente de alcalde "teñen claro" o apoio ao deporte de Vigo, que "asumen e defenden".
Descargar todas as imaxes