Escoitar

Máis dun centenar de desempregados recibiron formación en empresas de Vigo no marco do Plan Municipal de Emprego

venres, 15 mar 2002
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández Álvarez, presidiu esta mañá o acto de entrega dos diplomas acreditativos ás 114 persoas desempregadas que se beneficiaron, na convocatoria do pasado ano 2001, dos Cursos de formación en empresas con compromiso de contratación, desenvoltos no marco do programa de Axudas á inserción laboral do Plan Municipal de Emprego 2000-2003. Ó acto, que tivo lugar na planta 11 do Concello, tamén asistiron representantes das oito empresas e asociacións sectoriais que impartiron as accións de formación ocupacional.

Este é o primeiro programa de formación en empresas que se leva a cabo no Plan Municipal de Emprego, cun custo total de 130.000 € e financiado na súa totalidade pola Concellería de Desenvolvemento Local Emprego. Dos beneficiarios deste programa de formación, un 90% rematou satisfactoriamente o curso e posteriormente foron contratados o 62% do total, sendo a presencia de mulleres (55%) superior á dos homes.

Os cursos desenvoltos foron “Caixeira de gran superficie” e “Repoñedor/a” en Alcampo, “Curso de gruista” na Asociación de empresarios da construcción de Pontevedra (APEC), “Curso de hostalería” en Deipnon, “Instalador de sistemas de calefacción e gas” impartido por FONCALOR, “Curso de Instalación de cartón-xeso” na empresa Gadiex, “Operario cualificado en empresas instaladoras de electricidade” en INSTALECTRA e “Dependenta de distribución alimentaria” impartido por Vegonsa. A peculiaridade destas accións de formación é que as empresas participantes asumen a contratación do 50% de alumnado dos cursos por un período no inferior a tres meses, sempre e cando rematen satisfactoriamente o curso.

Os beneficiarios destes cursos seleccionáronse entre as persoas entrevistadas polo persoal do Servicio de orientación laboral (SOL) do Concello, que tiñan dentro do seu itinerario formativo a necesidade de realizar cursos, namentres que para o deseño dos mesmos tivéronse en conta as necesidades detectadas no mercado de traballo.