Escoitar

Alcalde e empresarios, unidos na demanda dun tren de alta velocidade que chegue a Vigo e vertebre Galicia

venres, 15 mar 2002
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, presentaralle o vindeiro luns ao Consello Económico e Social unha proposta na que se suxire ao Ministerio de Fomento o estudio dun trazado ferroviario de alta velocidade que beneficie ao sur de Galicia sen prexudicar ás restantes cidades do país. Esa proposta goza xa do apoio dos empresarios, que se reuniron esta mañá co alcalde.

Castrillo entrevistouse co presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Guillermo Alonso Jáudenes, o presidente da Cámara de Comercio, José García Costas, o presidente do Club Financiero, Angel López Soto, e o vocal da mesma organización Serafín Ocaña. Trala xuntanza todos manifestaron a súa coincidencia de criterios respecto á forma en que se debe abordar a creación da rede de alta velocidade en Galicia.

A proposta que defenden Concello e empresarios consiste na creación dunha liña de alta velocidade norte-sur, dende Ferrol a Portugal. Desa liña partiría un brazo cara á meseta que enlazaría Vigo con Ourense. Esta alternativa prestaría un sevicio axeitado a Vigo e a súa bisbarra e non suporía prolongar o tempo de viaxe ás outras cidades galegas.

Lois Castrillo fixo un chamamento a todos os axentes sociais da cidade para que apoien a proposta xa que, na súa opinión, a incorporación de Vigo á rede ferroviaria de alta velocidade é vital para seguir mantendo o crecemento económico da comarca. O alcalde subliñou que a proposta é a que mellor articula o territorio galego e a máis rendible. Castrillo dixo confiar en que a Xunta tome en consideración esta alternativa porque “debe ter a suficiente visión de futuro para decatarse de que a modernización do ferrocarril é importantísima para o país e que a nosa solución é a que máis favorece ao conxunto de Galicia”.